Murais para homenaxear Rosalía en espazos públicos de Alfoz, Foz, Barreiros e Viveiro

Concepto Circo e Van Kraft encargaranse das intervencións artísticas, que se realizarán ao longo da semana e que forman parte das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor de Rosalía.
 
murais graffiti rosalia
photo_camera De esquerda a dereita, Manuel Andrés Pallín (Concepto Circo); Pablo Lage (Van Kraft); Maite Ferreiro, e Marcos Pereira (Concepto Circo) na presentación da programación

Alfoz, Foz, Barreiros e Viveiro acollerán nos vindeiros sete días cadansúa intervención artística arredor da figura de Rosalía de Castro. Os graffiteiros e muralistas Manuel Andrés Pallín, de Concepto Circo, e Van Kraft encargaranse de realizar as actuacións que evocan a autora en diferentes espazos públicos.

No caso de Alfoz, o mural realizarase nun lateral do pavillón polideportivo. A sexta, a intervención será nun muro do polideportivo situado a carón da Praza de Rosalía de Castro de Foz, no Campo da Cabana. O sábado será a quenda de San Cosme de Barreiros, que homenaxeará Rosalía no parque de skate situado a carón do teleclube, recentemente instalado. Por último, o día 19  a figura de Rosalía renovará a entrada da biblioteca pública de Viveiro.

As intervencións artísticas forman parte da programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da figura de Rosalía de Castro, en colaboración con concellos e centros educativos.

Os murais de Rosalía xa locen noutros concellos da comarca como Ribadeo, na rúa Rodríguez Murias, no centro histórico da vila, e  Lourenzá, na entrada do CEIP Juan Rey.
 

Comentarios