O mundo da cultura reclama para Miro Casabella a condición de fillo predilecto do Valadouro

Máis de cento vinte persoas do mundo da cultura reclaman que o Concello do Valadouro nomee fillo predilecto ao músico Miro Casabella. A cultura non se resiste despois de que o PP abortara a proposta no pleno. Entre os asinantes, Manuel Lourenzo, Caxigueiro, Ugia Pedreira, Manuel Rivas, Fernán Vello ou Xurxo Souto. 

 
Miro Casabella
photo_camera Miro Casabella

Cun escrito rexistrado no Concello de Valadouro e asinado polos dramaturgos Manuel Lourenzo, Xesús Pisón, o investigador Lionel Rexes e Isaac Pérez Blanco, en representación de 122 persoas no mundo da cultura, reclámase para Miro Casabella a condición de fillo predilecto. A iniciativa xorde despois de que os votos do  PP impediran a aprobación en pleno do recoñecemento para o músico natural do Valadouro. 

O documento está apoiado por escritores como Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán Vello, Vicente Araguas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Pilar García Negro, Lois Diéguez, músicos como Rodrigo Romaní, Abe Rábade, Bieito Romero, Bibiano, Xerardo Moscoso, Antón Reixa, María Manuela, Xurxo Souto, Mero ou Anxo Pintos e representantes do mundo do teatro como Cándido Pazó, Laura Ponte e Xesús Ron, cineastas como Margarita Ledo ou Antón Dobao ou fotógrafos como Xurxo Lobato. 

Renovador da cultura galega en liberdade

Caxigueiro, Celso Dourado, Xosé Vizoso, Juanel, Mauro Leivas ou autores como Antonio Reigosa, Farruco Graña, Antón Meilán, Francisco Piñeiro, Marina Oural ou Ugia Pedreira son algunhas das persoas da Mariña que asinan un escrito que se rexistra co apoio de varias figuras da comarca do Valadouro, entre eles, Miguel Vila, Ramón Reimunde, Lionel Rexes, Arturo Mogo, Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xosé Blanco, Pedro Rubal ou Xesús Pisón. 

O escrito entregado no Concello recoñece a Miro Casabella como “un dos principais renovadores da cultura galega a partir da música, baseada en temas poéticos tanto tradicionais (cantigas medievais) como cultos, de autores contemporáneos e de creación propia”. 

Sitúan os inicios da súa actividade musical nun tempo de “afloramento de conciencias libres”. “Desde aquel tempo até hoxe mesmo, Miro non deixa de compor nin de traballar cun espírito de independencia admirábel, constituíndo para moitos galegos unha referencia identitaria”, apuntan, polo que agardan que o pleno no seu conxunto aprobe a proposta de nomealo fillo predilecto do Valadouro.