O MUMI avanza as propostas que se presentarán na súa quinta edición

Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo, as escollas galegas.
Presentación do MUMI, esta terza feira 9 de xullo, en Valença do Minho.
photo_camera Presentación do MUMI, esta terza feira 9 de xullo, en Valença do Minho.

Esta terza feira, 9 de xullo, presentouse en Valença do Minho (Portugal) a quinta edición do Encontro professional de música Galiza-Portugal, MUMI, na que participaron o presidente e responsábel de Cultura da Câmara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, Roberto Carrero; e a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; que xunto a Ánxela Vila e José Costa, representantes do equipo organizador do MUMI, avanzaron algunhas das propostas da próxima edición do mercado.

Ánxela Vila presentou os detalles da convocatoria desta edición na que o obxectivo principal é “seguir afianzando este mercado estratéxico para o sector musical de Galiza e Portugal, que se consolida xa como unha das citas imprescindíbeis para a industria musical galega e portuguesa, promovendo intercambios e abrindo novas oportunidades de negocio para artistas, axencias de representación, promotoras de concertos e empresas técnicas ou de servizos”.

Neste sentido, a organización quixo destacar a importancia que teñen nesta cadea as equipas profesionais do sector público, como os departamentos técnicos de Cultura dos Concellos ou as persoas responsábeis da programación dos teatros municipais, para as que o MUMI pretende ser un punto de encontro. Ademais, resaltouse tamén a importancia fundamental de facer partícipe á veciñanza da Eurocidade Tui-Valença, polo que a maior parte da programación será tamén aberta ao público e gratuíta.

Vila valorou moi positivamente a cantidade e sobre todo a gran calidade das propostas artísticas que participaron na convocatoria de showcases “síntoma de que a música galega e portuguesa están vivindo un momento de moita creatividade e con alto potencial de expansión”. A representante do MUMI engadiu que “isto reafírmanos na necesidade de seguir apostando por este encontro, que dá resposta á necesidade que tanto artistas como axencias teñen de abrirse aos mercados do territorio veciño”.

Entre o 12 e o 15 de setembro seis nomes da Galiza e cinco de Portugal amosarán ao público, profesional e xeral, a diversidade de propostas musicais da escena actual.  Galiza presentará os directos de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; pola súa parte, Portugal achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma.

Tamén se anunciou a banda escollida dentro do acordo de colaboración iniciado na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o mercado de referencia para as músicas que utilizan a tradición como motor creativo. O MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador, que mestura músicas tradicionais de todo o mundo e que se presentará co directo do seu novo álbum Ocells, integramente en catalán e inspirado nos paxaros, onde experimentan coa canción catalá e introducen por primeira vez na súa discografía instrumentos como o acordeón, a gaita e o cavaquinho.

Máis en CULTURA
Comentarios