Mumi 2021, música galega e portuguesa á beira do Miño

O Arquivo Municipal de Valença (Portugal) foi o escenario da presentación do Mumi 2021, encontro de Músicas do Minho.
Manuel Rodrigues e Enrique Cabaleiro na presentación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Rodrigues e Enrique Cabaleiro na presentación. (Foto: Nós Diario)

O Arquivo Municipal de Valença (Portugal) foi o escenario da presentación do Mumi 2021, o encontro profesional Músicas no Minho, que se desenvolverá na eurocidade Tui-Valença entre o 9 e 11 do mes de setembro.

Na presentación do evento participaron o presidente da Cámara de Valença, Manuel Rodrigues; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e mais os organizadores do Mumi, César Cardoso e Manuel V. Roxo. 

“Estamos ávidos de espectáculo”, proclamaba o presidente da cámara lusa Manuel Rodrigues durante a presentación; mentres, pola súa parte, o alcalde de Tui defendía “non temos dúbida de que o Mumi vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”. 

A programación deste encontro profesional vai estar aberta a toda a cidadanía e repartiranse as actividades entre as localidades de Valença e de Tui, durante este ano e tamén na edición de 2022. Cuestión esta última, para a cal a organización xa ten o compromiso dos dous municipios. 

No Mumi 2021 programaranse encontros dirixidos a empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros para profesionais e como espectáculos musicais  ao vivo. “Sabemos da importancia de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta entre as dúas edicións, nun territorio único como é a Eurocidade”, apuntan desde a organización.

Estes tres días de música e encontros profesionais decorrerán, din os organizadores, en localizacións "emblemáticas" de ambos os municipios co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Ademais do impacto económico, a organización agarda que o evento repercuta na contorna, tanto a nivel social como mediático. 

Os representantes do equipo organizador, Cardoso e Roxo, remarcaron “o carácter de punto de encontro que terá o Mumi despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia”.

“Pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estábel entre axentes e empresas galegas e portuguesas”, sinalou Roxo. 

A cita tamén serviu para festexar a reapertura da fronteira entre Galiza e Portugal após catro meses fechada por mor das restricións sanitarias. 

Comentarios