As mulleres non mandaban, e na Galiza tampouco

“A familia estaba revestida dun cuño patriarcal ou patrucial, en contra do mito persistente que atribúe un presunto carácter matriarcal á familia tradicional galega”. Con esta contundencia expresa o historiador Xavier Castro no seu último ensaio o seu rexeitamento á crenza no matriarcado galego.

CCG_ig_album_viaxeiras_John_Elliot_0006
photo_camera (John Elliot)

A casa patrucial operaba como unha estrutura de poder moi ríxida, sendo o patrucio a figura hexemónica responsábel de manter a autoridade, o cal xeraba unhas relacións de subordinación do resto da comunidade familiar. A sociedade tradicional galega era, pois, “marcadamente patrucial”, aínda que a muller posuía tamén un certo papel social e a súa voz era escoitada. Así o explica Xavier Castro en Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia Séculos XIX e XX, (Galaxia).

Non é, en realidade, este historiador o único en sustentar esta análise. A antropóloga Lourdes Méndez realizou nos 80 unha das investigacións pioneiras neste campo. A labrega galega -subliña no ensaio Cousas de mulleres. Campesinos, poder y vida cotidiana (Lugo 1940-1980)- tiña o status de “axudante” do seu marido, considerado o xefe da explotación, permanecendo a muller afastada do terreo no que se exercía o poder real.

Que as mulleres realicen actividades na esfera pública que noutras sociedades son asignadas aos homes non é proba dunhas relacións de xénero máis igualitarias

De xeito confluente, a antropóloga americana Heidi Kelley advertira xa como os discursos sobre o suposto “poder” da muller galega non servían para empoderala. Nun capítulo incluído no volume Antropoloxía das mulleres galegas. As outras olladas, coordinado por Sharon Roseman e Enrique Alonso Población, esta experta observaba que tanto os viaxeiros españois coma algúns antropólogos anglófonos que se amosaran impresionados polas “poderosas” mulleres galegas actuaban se cadra coma os patriarcais gregos e romanos, que sexualizaban as diferenzas culturais con descricións abraiadas sobre as fortes e activas mulleres “celtas” ao mesmo tempo que consideraban a orde social á que pertencían a antítese da civilización.

O mito do matriarcado conta, porén, cunhas raíces históricas moi fondas. Clásicos da antropoloxía sostiveron xa no século XIX que a humanidade evolucionara desde a promiscuidade sexual ao matriarcado para despois pasar polo patriarcado antes de chegar á familia monógama. Mais o mito relaciónase ademais, en grande medida, cunha concepción estereotipada da división do traballo e cunha confusión da matrilinealidade co matriarcado.

Así, o feito de que as mulleres realicen actividades na esfera pública que noutras sociedades son asignadas aos homes non é proba dunhas relacións de xénero máis igualitarias. Da mesma maneira, non é o mesmo o “matriarcado” -entendido como unha estrutura oposta ao patriarcado- que a matrilinealidade, que quizais si poida favorecer que as mulleres acaden un maior poder de negociación no seo da parella.

Nas comunidades mariñeiras e nalgunhas zonas labregas de forte emigración -indica o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro na súa Antropoloxía de Galicia- adoitaba ser unha das fillas a mellorada -a que recibía a maior parte da herdanza-.

A mellora matrilineal era unha estratexia familiar que garantía a continuidade da casa como espazo económico e simbólico diante da moi probábel ausencia do marido, e facilitaba que as mulleres asumisen un rol dominante na xestión da economía doméstica. O cal non significa que crease comunidades libres de ideoloxía machista, tal como explicou Kelley na súa análise sobre as nais solteiras melloradas, que pasaban a poder gozar dun prestixio social como cabezas do fogar que compensase o “fracaso” de non ter casado e a “inmoralidade” de ter unha crianza de xeito “ilexítimo”.

O ensaio de Xavier Castro achega outras mostras da pegada do patriarcado na sociedade tradicional. Coma o acoso sexual por parte do señor da casa ás criadas; as comúns actitudes violentas dos maridos para someter as mulleres; o protagonismo do pai no deseño das estratexias matrimoniais ou un código de achegamento sexual por parte dos mozos, que se supoñía debía ir acompañado dunha resistencia inicial por parte das mozas para probar a súa virtude, conducente a malentendidos, cando non a agresións sexuais.

Familia, matrimonio e amor

Familia, matrimonio e amor son, desde xeito, algúns dos temas dos que Xavier Castro se ocupa máis en Servir era o pan do demo. A infancia e a escola constitúen outros dos principais eixes da reflexión deste historiador sobre unha sociedade moi xerarquizada por razóns de xénero, idade e clase social.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube. 

Comentarios