As mulleres que nestas festas agasallan ás crianzas

Apalpador, Reis, Pai Natal... e non hai mulleres que agasallen nestas festas? Befana, Snegurochka ou Babushka son algúns dos seus nomes. 

Befana
photo_camera Befana

O patriarcado non se portou ben coas vellas deusas, arríncalles poder e convérteas en figuras servizais e transmisoras da obediencia, case sempre están aí para reprimir. Non é de esquecer á vella que vive dentro do pozo e que nos leva para dentro co seu gancho se nos achegamos. Esta vella galega, aínda que nunca continúa a súa historia da gancha do pozo, xa que o importante é evitar que a rapazada se arrime de máis, evoca á protagonista do conto “Frau Holle” recollido polos irmáns Grimm, unha anciá que habita no mundo do pozo ao que chega a boa doncela para procurar o fuso que lle caeu e que verá premiada a súa obediencia, fronte á súa media irmá preguiceira que vai ser castigada.

Merece que se lle dedique máis tempo e espazo esta figura fascinante e con múltiples significados e variantes dentro da mitoloxía xermánica, hoxe cando sacode o seu xergón provoca coas súas plumas a neve e cando lava as súas roupas a chuvia, nalgunhas lendas viaxa co vento e observa os actos das persoas e pode premialas con galanos que leva o 24 de decembro. Desde aquí podemos viaxar a Rusia para encontrar a figura de Snegurochka, que pola súa popularidade acompaña no reparto dos galanos ao seu avó, Ded Moroz , o home frío, o substituto pagán de San Nicolás. Mais esta princesa das neves, é na súa orixe unha personaxe das lendas populares rusas, con diferentes versións, é a criatura de neve que cobra vida e polo que pola vía culta entra na danza e é inspiración para a ópera de Nikolai Rimski-Korsakov A doncela da neve, levada tamén ao cine.

Befana, a bruxa que reparte

Fronte a este Nadal pagán, popularizado despois da revolución rusa, cobra vitalidade a partir da perestroika o Nadal relixioso ortodoxo ruso que se celebra o 7 de xaneiro xa que a igrexa segue o calendario xuliano e que ten como figura principal para traer os agasallos aos nenos e nenas á vella Babushka, que terá moito que ver coa anciá Befana que desenvolve o mesmo labor en Italia. A tradución une ás dúas: os Reis Magos (nalgunhas versións diferentes pastores) que seguen a estrela que os leva até Belén detéñense na casa de Babushka ou Befana, unha anciá cun fogar moi limpo que os agasalla con doces e tortas. Agradecidos pola hospitalidade propóñenlle que os acompañe e que ofreza o segredo da súa cociña ao neno. Nunha versión dise que ela lles mostra os xoguetes, aínda gardados, para o seu neno que lle morreu. A finalidade da historia é que ela non os acompaña e arrepentida despois ou condenada (por non atopar o neno Xesús) percorre as casas deixando presentes para nenos e nenas que foron bos.

Babushka leva unha vasoira atributo que representa a súa limpeza e unha cesta con doces e xoguetes. Befana entra pola cheminea e voa na súa vasoira o que a converte nunha bruxa boa, deixa os regalos dentro dos escarpíns que están pendurados. O nome de Befana ten relación coa palabra Epifanía e ela chega ás casas na noite de Reis.

Evidentemente detrás de todas estas tradicións hai unha superposicións de culturas en que a oralidade se leva a escrita, en que o paganismo chega a acordos co cristianismo e en que as figuras femininas, sendo poucas veces relevantes á hora de dar obsequios, desenvolven un papel que non cuestiona o poder.

Desde que a figura de Santa Claus se popularizou non se tardou moito en crear unha Señora Claus, que vive con el tamén no Polo Norte. Tamén desde que o Olentzero traballa máis ca nunca en Euskadi levando os regalos, este aparece ás veces acompañado de Mari Domingi, personaxe dunha canción éuscara, que se vai converter na súa noiva, unha novidade para outorgar á figura feminina o papel auxiliar e secundario de sempre.

 

 

 

 

 

 

Comentarios