As mulleres manteñen vivo o Entroido

As mulleres foron, durante décadas, as encargadas de preservar as tradicións e os costumes do Entroido. Nos últimos anos desenvolveron un papel protagonista nas celebracións e, en moitos casos, impulsan a recuperación e o mantemento da festa nas aldeas e nas vilas da Galiza.

Entroido xenerala foto de Carolina Neira
photo_camera Unha xenerala do Ulla durante un atranque (Carolina Neira)

A incorporación das mulleres aos roles principais e protagonistas dos entroidos tradicionais galegos é unha conquista recente e pola que aínda se está traballando. O xornalista e autor de diversos libros sobre o Entroido, Federico Cocho de Juan, salienta sobre todo, o carácter festivo destas datas. Cocho entende a festa como unha forma de expresión colectiva, por iso, asegura que o rol da muller nesta celebración estaba, e está, en concordancia co contexto social no que desenvolve: “O rol secundario e menosprezado das mulleres no Entroido tradicional é un reflexo da cultura popular e dominante”. Historicamente, como explica o etnógrafo Felipe-Senén López, no Entroido galego os papeis estiveron repartidos segundo o sexo: “A muller como administradora da casa e das propiedades, tamén é a encargada de coidar das lembranzas, dos ritos, das tradicións, entre elas a festa”. Elas participaban nos preparativos pero “a máscara tradicional dos entroidos galegos que simboliza a forza do monte, o oso, o meco ou o urco sempre tivo un carácter masculino”, eran os homes quen as levaban e representaban atributos tradicionalmente relacionados coa masculinidade como a forza e a intensidade.

A batalla entre sexos

A loita entre homes e mulleres convértese nun ritual en moitas vilas no Xoves de Compadres e o Xoves de Comadres, as dúas quintas feiras anteriores ao Domingo de Entroido. Nalgunhas parroquias, os mozos e mozas enfrontábanse humillando un boneco que representaba o sexo oposto. Federico Cocho considera que a loita de sexos era “a única válvula de escape para que as mulleres, cun papel secundario e submiso na familia e na vida social, se burlasen dos homes”. Estas dúas celebracións incluídas no almanaque do Entroido tradicional galego son para Felipe-Senén López un “espazo de igualdade onde ambos sexos tiñan liberdade de expresión”.

Mamú Fidalgo é unha das impulsoras da recuperación do Xoves de Comadres e de Compadres en Verín, hai case trinta anos. Hoxe é unha festa na que homes e mulleres saen os dous días e partillan cea e troula. Pero non sempre foi así. Fidalgo recorda que cando era nena, hai máis de sesenta anos, a súa nai collía unha colcha, facíalle un nó e vestíase con ela para saír en Comadres. “So saían as mulleres a dar voltas polo pobo, e non todas, as catro ou cinco máis animadas. E en Compadres só saían os homes, xuntábanse uns cantos e ían de bodega en bodega”. Na plataforma multimedia O riso enmascarado, a xornalista Carolina Neira recolle algunhas das tradicións do Entroido galego. Neira non dubida do carácter subversivo do Carnaval, asegura que “coa escusa da troula e da brincadeira repénsanse certos costumes sociais, como o machismo, que, doutra maneira, non serían cuestionados”. Iso si, engade que era algo puntual, xa que o Mércores de Cinza todo volvía á “normalidade”. Algo que tamén comparte Federico Cocho, que fala dunha “ transgresión controlada”.

Gardando a tradición, do privado ao público

As personaxes máis famosas dos entroidos como os peliqueiros, cigarróns ou pantallas, exceptuando casos anecdóticos, non tiveron nome de muller até os anos 80 e, aínda hoxe, o número de mulleres que visten estes traxes é inferior ao dos homes. Cocho de Juan explica que coa recuperación da democracia houbo un rexurdimento do Entroido e das tradicións populares e, ademais, as mulleres reclamaron con máis intensidade un papel protagonista na sociedade e, polo tanto, nas celebracións. Naquela altura, saíron as primeiras mozas vestidas de pantalla en Xinzo de Limia e puideron verse as primeiras xeneralas no Ulla.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios