Bala recibe o primeiro premio

As mulleres, as grandes triunfadoras do concurso musical da Deputación da Coruña

A banda Bala, da Coruña, recibiu o primeiro premio do VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña, seguidas de MJPérez, de Arzúa, que se fixo co segundo galardón dunha noite en que as mulleres rockeiras foron as protagonistas.

VIIIconcursomusical_007 (2)

A noite da sexta feira a sábado, o xurado do VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña daba a coñecer, após unha longa deliberación, os premios desta edición. O primeiro galardón, dotado con 3.000 euros, recaeu en Bala, da Coruña. O dúo formado por Ánxela e Violeta fíxose co primeiro posto porque “alén da súa alta calidade musical, representa a expresión do dinamismo musical da actualidade”, en palabras do xurado.

O segundo premio, de 2.000 euros, foi para MJPérez, de Arzúa, a quen se lle valorou “a posta en escena e a emoción que transmite a combinación de música e palabras, amais dunha proposta moi ben trabada”. Aliás, The Trunks, de Sada, alzáronse co terceiro posto (1.500 euros) e Jamie Fifthring & The Fearg e Two Faces co cuarto e quinto (1.000 euros).

O xurado, formado por Belén Tajes, Roberto Casteleiro e Marcos Payno, con Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, como presidenta, valorou “a forte aposta das dúas propostas de mulleres e iso mostra que hai unha nova xeración que está a irromper con forza nun mundo como o do rock que non tiña no noso país moita presenza feminina”. “Tanto Bala como MJPérez convenceron pola súa forza e a súa calidade e agardamos que o premio serva para facelas máis visíbeis no actual panorama musical”, salientou Goretti Sanmartín.

Os premios outorgáronse após un concerto colectivo que tivo lugar na sala O Túnel, do Coliseo da Coruña. Participaron os cinco grupos finalistas, ademais de Ataque Escampe e The Loco como convidados.

Comentarios