Por que as mulleres gozan máis do sexo baixo o socialismo?

Os traballos de Kristen Ghodsse non deixan a ninguén indiferente. O seu penúltimo libro, traducido a máis de doce idiomas desde a súa primeira edición en inglés en 2018, analiza como a igualdade de xénero está enfrontada co libre mercado. O estudo da situación das mulleres na Europa do leste, durante os chamados réximes do socialismo real, é ben sintomático.

Soviético
photo_camera Cartaz soviético chamando a celebrar o 8 de marzo.

Kristen Ghodsse (Estados Unidos,1970) non é sospeitosa de simpatizar cos modelos políticos aplicados na Unión Soviética nin nas denominadas democracias populares. A este respecto, no volume referido, afirma que “non propugno regresar a ningunha das formas do socialismo de Estado do século XX. Aqueles experimentos afundíronse baixo o peso das súas propias contradicións, que abriron unha inmensa fenda entre os ideais proclamados polos seus autoritarios lideres e a realidade das súas actuacións. As liberdades políticas básicas non se poden intercambiar por nada”.

Antropóloga, profesora de estudos rusos e da Europa do Leste na Universidade Pensilvania, autora de dez libros, entre eles o galardoado Resaca vermella. Os legados do comunismo no século XX , colaboradora habitual de diversos medios de prensa como Foreign Affairs, The New York Times, The Washinston Post ou El País, centra as súas investigacións na vida cotiá e nas mudanzas sociais nos países do leste europeo após a caída do muro de Berlín en 1989. Unha boa parte da súa produción bibliográfica afonda na vida cotiá baixo o socialismo e o postsocialismo nos antigos Estados socialistas e moi particularmente na súa repercusión sobre as mulleres.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral

A Unión Soviética e as denominadas democracias populares apostaron pola independencia económica das mulleres, mediante a súa incorporación ao mundo laboral e un potente sistema de servizos públicos, como camiño necesario para avanzar na igualdade de xénero. Segundo sinalou a historiadora da Universidade de Nova York Dagmar Herzog, no seu xa clásico libro O sexo após o fascismo, “os estados do leste de Europa promoveron a igualdade de xénero e a independencia económica das mulleres como características distintivas do socialismo, nun intento de demostrar a súa superioridade moral por encima do occidente democrático e capitalista”.

As diversas estatísticas dos organismos internacionais amosaban a disparidade dos índices da poboación activa entre as economías planificadas do leste de Europa e as formacións sociais de mercado. Así, por exemplo, a Organización Internacional do Traballo (OIT), no seu informe anual de 1950 sinala como as mulleres representaban o 51,8% da poboación activa da URSS e o 40,9% da Europa do leste, fronte ao 28,3% de Estados Unidos e o 29,6 de Europa occidental. Outro tanto acontecía en 1975, Ano Internacional das Mulleres da ONU, onde estas significaban o 49, 7% da poboación activa da URSS e o 43,7% das democracias populares, mentres que nos Estados Unidos e Europa situábanse no 37,4 % e no 32,7% respectivamente.

O compromiso coa independencia económica

As políticas públicas dun e doutro sistema explicaban esta situación. Segundo Kristen Ghodsse “mentres nos países socialistas do leste europeo os gobernos apoiaban a incorporación masiva das mulleres ao traballo con medidas lexislativas e recursos públicos, en Alemaña Occidental as casadas non puideron traballar até 1957 sen permiso do marido. En Estados Unidos as leis que prohibiron asinar contratos sen a autorización do esposo perduraron até mediados da década dos sesenta”. Neste contexto, non estrañaba o esforzo orzamentario dos países socialistas do leste de Europa fixando unha rede pública de escolas infantís, lavanderías ou comedores públicos.

Segundo Kristen Ghodsse “mentres nos países socialistas do leste europeo os gobernos apoiaban a incorporación masiva das mulleres ao traballo con medidas lexislativas e recursos públicos, en Alemaña Occidental as casadas non puideron traballar até 1957 sen permiso do marido

A política de dotacións públicas, destinadas a liberar á muller dos traballos domésticos e dos coidados infantís foi acompañada doutras medidas na mesma dirección. Se a comezos da década dos cincuenta algúns países como Bulgaria, Checoslovaquia ou a República Democrática Alemá (RDA) xa puxeron en marcha campañas específicas dirixidas a que o home asumise o traballo doméstico, a lexislación laboral incorporaba as baixas por maternidade, medida que non chegou a aprobarse en Estados Unidos até 1978. Sen ir máis lonxe en Bulgaria era dunha duración de cento vinte días coa remuneración completa e de seis meses adicionais co salario mínimo.

Sexualidade e socialismo

Os historiadores, sociólogos e antropólogos contemporáneos teñen amosado un grande interese en estudar se a sexualidade non capitalista era diferente á que se mantiña nas formacións de libre mercado, concluíndo en sinalar as diferenzas a maior parte dos traballos elaborados antes e despois de 1989. A este respecto, Kristen Ghodsse asume as conclusións enunciadas por Paul Betts e Josi Mclellan, no seu volume O amor en tempos do comunismo, onde “confirman a idea de que a independencia económica feminina contribuíu a criar unha forma de sexualidade non mercantilizada e se cadra máis “natural” e “libre” na Europa do leste”.

O choque entre unha visión e outra da sexualidade ten favorecido a aparición de moitos traballos que analizan a cuestión nos diferentes estados do leste de Europa. Sen ir máis lonxe, para o caso da Rusia soviética e posterior a 1991, as sociólogas Anna Temkina e Elena Zdravomyslova, após entrevistar a un número significado de mulleres entre 1997 e 2007, certificaban as mudanzas nos comportamentos sexuais destas a medida que se percibían as consecuencias de décadas de educación socialista, sinalando como “cando se sentiron seguras na súa posición económica, a sexualidade perdeu o seu valor de intercambio e converteuse en algo que partillar”.

“Teño máis poder como home agora na Alemaña unificada”

A bibliografía máis numerosa concéntrase en Alemaña, fundamentalmente porque é onde estes traballos contan con máis tradición e onde se teñen elaborado máis estudos cuantitativos. Á volta de 1988, os recoñecidos sexólogos Kurt Starke e Ulrich Clement, o primeiro da RDA e o segundo da República Federal Alemá (RFA), presentaban o primeiro estudo comparativo das experiencias sexuais nunha e noutra Alemaña, sinalando que as mozas do leste gozaban moito máis do sexo e declaraban un índice de orgasmos moito máis elevados. Outros estudos posteriores, entre eles o realizado por Ingrid Sharp en 2004, a partir dunha ampla enquisa do Gewis-Instituto de Hamburgo, concluía que “o 83% das alemás do leste recoñecían chegar sempre ao orgasmo fronte a un 63% das occidentais”.

As investigacións cualitativas teñen chegado a conclusión semellantes. A altura de 2006, Dagmar Herzog, neste caso tras entrevistar a cincuenta varóns nacidos e residentes na RDA, afirmaba como ao longo das conversas varios deles “recoñecían que a autoestima sexual e a independencia económica das mulleres da Alemaña Oriental resultáballes moi molesta”, sinalando un deles “Teño máis poder como home agora na Alemaña unificada que nos días do comunismo”. O volume de Kristen Ghodsse presenta uns resultados moi semellantes para outros estados do leste, particularmente Hungría, Bulgaria e Romanía.

Comentarios