As mulleres "fóra de plano", en loita por "gañar foco" no audiovisual

A xornada 'Fóra de plano. As mulleres no audiovisual' reflexionou hoxe sobre a presenza feminina no sector da man de profesionais galegas. Tamén se presentaron os Premios Mulleres no Foco, colaboración da Deputación de Pontevedra e CIMA (Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais).  
Xornada 'Fóra de Plano'. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Xornada 'Fóra de Plano'. (Foto: Deputación de Pontevedra)

"Falta a ollada da metade do mundo", dixo Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, na inauguración da xornada Fóra de plano. As mulleres no audiovisual. O faladoiro reuniu esta quinta feira na sede da institución unha serie de profesionais para debater sobre a tópica á que fai referencia o título, dentro da Escola de Igualdade María Vinyals, abrindo unha colaboración con CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) que se materializará tamén nos Premios Mulleres no Foco, tres galardóns que contarán con contía económica.

"Normalmente en época de crise as que caen primeiro son as mulleres", advertiu Cristina Andreu

Cristina Andreu, presidenta de CIMA, interveu telematicamente en representación dunha asociación que compón máis de 600 mulleres en todo o Estado. "Normalmente en época de crise as que caen primeiro son as mulleres", advertiu, declarando o obxectivo de que en 2025 se alcancen cotas de 50% na dirección de filmes.

Destacou, aliás desta entrada en "contar" os contidos, outra liña de acción da entidade: que todas as traballadoras do sector teñan as mesmas condicións que os homes. "Se non hai igualdade de condicións, como se vai primar o talento?", dixo, en referencia á invisibilidade das profesionais e en defensa de medidas de discriminación positiva.

Profesións por xénero

As reclamacións non veñen do ar. Chelo Loureiro, vogal de CIMA e representante na Galiza, presentou os datos dun estudo sobre a representatividade das mulleres na longametraxe, desenvolvido pola socióloga Sara Cuenca. O documento constata a existencia de profesións moi feminizadas, como deseño de vestiario (80-100% dos cargos son mulleres) e peiteado e maquillaxe (60-80%).

Nos eidos da dirección de arte e a dirección de produción dáse a cifra máis compensada: 40-60%. Esta baixa en ámbitos como a produción (30%), a montaxe (30%) e o guión (23%), chegando aos niveis máis críticos na dirección (19%), os efectos especiais (16%), a composición musical (12%), o son (11%) e a dirección de fotografía (10%).

Noemí Chantada, vicepresidenta de CREA, ilustra estes datos coa súa experiencia persoal. Antes de dirixir, foi durante moitos anos operadora de cámara e enfrontou con frecuencia a falta de confianza nas súas capacidade físicas ante o peso dos equipamentos.

Elas fan filmes máis baratos

"Onde se moven máis cartos, as mulleres desaparecen", expresou Loureiro. Os proxectos nas súas mans reciben a metade do orzamento medio dunha longametraxe no Estado, fixado en 2.400.000 euros. Ligada aos orzamentos máis modestos, hai unha menor presenza feminina á fronte de ficcións.

"Onde se moven máis cartos, as mulleres desaparecen", expresou Loureiro

Pola contra, "onde o cinema apenas ten incidencia, adoita haber moitas mulleres", engade Loureiro. Na Galiza detéctase un alto número de produtoras, se ben un informe como o de CIMA non é posíbel por falta de acceso aos datos, para o que piden o apoio das administracións. O que pode dar unha idea do panorama é o acceso a axudas e premios.

As últimas subvencións leváronas maioritariamente produtoras mulleres (60%), cun importe de 75% do total repartido. Aínda que conseguen levar máis cartos que eles, as películas de maior orzamento están en mans de homes. Así, dos 2.500.000 euros que reparten as axudas públicas, só 978.000 se destinan a filmes dirixidos por mulleres na Galiza, 39% do total cando elas reciben a metade das subvencións. "Podo autoproducilas porque son historias pequenas", asegura nesta liña Chantada.

"É importante gañar plano, pero tanto como gañar foco. Como se nos ve?", pregúntase Camaño

Menos presuposto implica tamén menor visibilidade. Aínda así, chégase a unha procentaxe de 21% de recoñecementos públicos para mulleres, conta Loureiro. Dentro destes, as categorías denotan disparidades: 77% galardoan actrices, cousa que non ocorre nos homes (18%). "O que máis se premia neles é guión, dirección... Nas mulleres, porén, é a presenza máis ostensíbel", explica.

A intérprete Mónica Camaño, tamén participante, alucina co dato (e non por descoñecemento) da actriz como referencia do sector, cando "ao mellor é a máis precaria de todas, pero ten a visibilidade. O corpo é ferramenta fundamental". No seu caso, a idade é fonte de discriminación, en contraste co que acontece cos seus compañeiros: "A partir dos 40 volvinme invisíbel", asegura, desde aquela apenas traballou en series. Pois como dixo Susan Sontag, cita: "eles maduran, nós avellentamos".

Tamén 'gañar foco'

A representante de CIMA na Galiza admite que se cadra hai "máis mulleres nas historias, pero con menos diálogo e personaxes moi estereotipadas", entre as que destaca amas de casa e prostitución. "É importante gañar plano, pero tanto como gañar foco. Como se nos ve?", pregúntase Camaño, lembrando ao tempo que o audiovisual é un "mecanismo de transmisión ideolóxica por excelencia".

Beli Martínez, que alén de produtora é docente, destacou neste senso a importancia da educación e os referentes para "romper a visión androcentrista". Un obxectivo para o que cómpre pensar aliás "noutras minorías", e non ficar só na "muller de clase media branca". Nesta dimensión, Loureiro apuntou que CIMA traballará o ano que vén especialmente co rol das mulleres nas producións para público infantil.

Comentarios