O documental estrearase no festival entre o 1 e o 4 de setembro

As mulleres estraperlistas no Proxecto Cans 303

Recuperar a memoria das mulleres de Cans (O Porriño) que se dedicaron ao estraperlo é o obxectivo do Proxecto Cans 303 deste ano. O documental resultante do obradoiro audiovisual estrearase no Festival de Cans e del falan o realizador Juanma Lodo e mais o director do evento, Alfonso Pato.
PHOTO-2021-06-10-01-11-48
photo_camera Imaxe de arquivo dunha xuntanza do alumnado de Cans 303, composto por persoas de 15 a 55 anos. (Foto: Nós Diario)

A canteira de Cans, Historia dos Catro Ventos ou Dona Sara son os títulos dos documentais que nos últimos anos desenvolveu o obradoiro de guión, edición e montaxe que organiza o Festival de Cans e que busca recuperar a memoria da aldea. Así, na edición XVIII, que decorrerá entre o 1 e o 4 de setembro, terá lugar a estrea do audiovisual sobre as mulleres do lugar que durante a posguerra se dedicaron ao estraperlo. Un filme que comezou a traballarse este mes e que se realizará os sábados de xuño, xullo e agosto.

“Estamos no proceso de sumar documentación”, explica a Nós Diario o director do Festival de Cans, Alfonso Pato. “Hai historias de suborno dos gardas, de amoríos ocultos, de mulleres que loitaban cos carabineiros... Hai un pouco de todo, e logo o estraperlo ten esa aura do prohibido”. Pato explica que cada ano se comeza cunha busca de material e información, un traballo de campo por un lado e, por outro, unha parte do alumnado “comeza a pensar nos planos”.

A proposta do documental partiu dunha veciña de Cans, María Jesús Sánchez, “unha muller moi activa e á que lle cadrou que a súa avoa tamén foi unha das estraperlistas” así que achegou a idea, conta Pato, “porque consideraba que podía haber unha grande historia, que podían reunirse testemuños...”.

”Empezamos coa historia da avoa de Mari, que lembra que viñan polo monte e que tiñan xente que as avisaba de se había gardas ou non...” explica o realizador Juanma Lodo, que imparte o curso. “Cóntannos que traian latón enrolado no corpo, teas, cafés... Dinnos con quen contactaban, que percorrido facían, quen as avisaba de se había carabineiros ou non... Mesmo temos unha alumna que foi presunto estraperlo, porque os seus pais a levaban de bebé  á casa dun familiar cando ían traballar,  envolta como se fose un paquete”, comenta entre risas.

De tres minutos e tres segundos a un documental

O Proxecto Cans 303 traballa habitualmente en base a unha “chuvia de ideas, nas que persoas da organización do festival e mais a veciñanza facemos achegas, e tamén temos unha listaxe de temas que nos gustaría tratar para recuperar a memoria da aldea”. “É rascar un pouco e descubrir as historias desta aldea, ou de calquera outra porque en todas hai historias apaixonantes... Aparecen imaxes coas que non se contaba, arquivos de audio... E iso é moi bonito dentro do proceso” engade Alfonso Pato.

A orixe de Proxecto Cans 303, que é o número da saída da autovía que leva á aldea, ten ese nome porque “comezamos facendo pezas de tres minutos con tres segundos até que evolucionou á realización dun documental colectivo” di Pato.

Cada ano Cans 303 rescata unha parte da memoria da aldea co obxectivo de crear un arquivo de imaxes, sonoro e audiovisual”. “Faise a presentación nos días do festival, que adoita ser sempre un acto moi emotivo, porque está a veciñanza, as persoas que colaboraron, o alumnado do curso, mesmo se crea un certo coloquio sobre anécdotas ou curiosidades do traballo, da historia...”, engade o director do certame. 

Rescatar a memoria das mulleres da aldea

“Este traballo documental sérvenos para recuperar a memoria das mulleres, procuramos pólas no centro do relato”, puntualiza Pato, que lembra que xa se fixo cos traballos doutros anos como Dona Sara. “Cans, en liña recta, non está moi lonxe da fronteira con Portugal e polo monte Castelo pasaban estas mulleres que se dedicaban ao estraperlo como forma de subsistencia na posguerra... traían café, azucre... Andaban polo monte de noite, cos perigos que isto supuña”. 

“O noso obxectivo é ter un proxecto de calidade suficiente para que a veciñanza que coñece a historia goce pero que tamén, sempre digo”, aclara Lodo, “que unha persoa que viva en Australia e mire a historia lle suscite interese”. “Gravamos moitas horas, por iso é importante ter moi claros os proxectos, para que esas horas sexan as menos posíbeis e facemos todo o que se fai nunha rodaxe profesional”.

“E pasará o que pasa sempre, cando rematemos aparecerán máis cousas, que é unha das partes importantes de Cans 303, porque logo a xente fala entre eles, nas comidas familiares, aí é onde está a nosa mellor fonte”, conclúe Juanma Lodo. 

O obradoiro oriéntase a iniciar o alumnado no guión e na montaxe audiovisual

O documental sobre as mulleres estraperlistas de Cans busca, como se aprecia nas imaxes deste e doutros anos, iniciar no guión, na edición e na montaxe as persoas interesadas en adquirir nocións de como se constrúe unha obra audiovisual. “Ensino que o máis importante é entender a linguaxe audiovisual” explica Juanma Lodo, “este ano, logo da pandemia, e como moito é alumnado que xa repite a idea é empezar directamente co proxecto”. 

Comentarios