As mulleres do “bravú” regresan na homenaxe a Xosefa de Bastavales

O Bravú tamén ten mulleres? Ten e van subir ao escenario para homenaxear á pandeireteira Xosefa de Bastavales.

Xosefa de Bastavales
photo_camera Xosefa de Bastavales

O Bravú eran só bandas de homes? Cando se festexa o vinte aniversario do seu nacemento nunha tasca de Chantada, a homenaxe a Xosefa de Bastavales pon o foco nas “mulleres bravú”, aquelas que participaron no movemento do rock galego rural e que son herdeiras do espírito da pandeireteira de máis de oitenta anos que compartiu escenario con Mercedes Peón, Xurxo Souto, Pinto d´Herbón, Cristina Pato, as Gharotas de Ribeira,  Fuxan os Ventos ou The Chieftains. 

Será unha merenda-festa a que sorprenda a Xosefa de Bastavales no serán da cuarta feira día 13 (19 horas) na Gentalha do Pichel, en Compostela. Unha morea de pandeireteiras recibirán á grande pandereiteira Bravú, á  veciña da aldea do campanario de Rosalía que sorprendeu na súa aparición nas principais festas e concertos de hai vinte anos. Entre elas, a rapeira Mirasol Manfurada, as Gharotas da Ribeira que entón facían de bravo enlace entre Barcelona e Galiza ou Sofía de Labañou, que será a mestra de cerimonias deste emocionante encontro. 

“Devolverlle a alegría que nos deu” 

"Era a que cortaba o bacallau. Saía de estar coas ovellas e ía a Nou Barris ou a París. Subía ao escenario entusiasmada e coidaba de todo o mundo. Ríamos como non se pode rir!!”, afirma Sofía, das Gharotas

“A idea desta festa é devolverlle a alegría que nos deu, a súa forza, o seu entusiasmo” di Sofía, das Gharotas de Ribeira, unha das promotoras da iniciativa que tivo oportunidade de ser amiga de Xosefa e coñecela tamén de portas para dentro. “Tratei con ela na leira e na casa, coas veciñas e a familia e é marabillosa, alegre mais tamén rabuda, que loita coa súa alegría”, engade Sofía desta muller que, con máis de oitenta anos que, segundo di, continúa a ter un espírito mozo e ganas de festa. “Sigue sendo a mesma cantareira e bailarina, aínda que non poda andar tanto de troula”, comenta. 

De troula andou Xosefa con máis de sesenta anos acompañando por escenarios de Francia ou Barcelona a músicos como Manu Chao ou Xurxo Souto. Foi tamén unha das figuras máis seguidas na Feira das Mentiras que o galego-francés montara no antigo mercado de gando dos Salgueiriños en Santiago. “Todo o mundo lle tiña moito cariño e gárdallo. E ganas de estar con ela. Era a que cortaba o bacallau. Saía de estar coas ovellas e ía a Nou Barris ou a París. Subía ao escenario entusiasmada e coidaba de todo o mundo. Ríamos como non se pode rir!!” lembra Sofía daqueles anos nos que foron tan felices. 

O Bravú foi tamén iso. Estreitar lazos de amizade e camaradaxe que para Xosefa, unha muller con enerxía e vitalidade, deberon ser especialmente importantes, segundo din agora as súas “herdeiras”. Coa casa a poucos metros do poético campanario, a vida de Xosefa puido ser a que máis mudara a enerxía bravú. Mudar a dinámica mais ela, como defende Sofía, seguía a ser a mesma na leira e no escenario. 

E cantas mulleres podíamos identificar como “bravús”? “A brava máis brava de todas as bravas e bravos sen dúbida, ao meu ver, é Mercedes Peón. Por moitas cousas, despois, quen queiras. Ela fixo  cousas que ninguén fixera antes e con moito valor, moita profesionalidade e arte”. 

 “Pegaba moi ben co que foi todo o movemento na reivindicación da orixe galega, da música tradicional, nas letras e tamén na retranca" di Carme Campo

“Un dos obxectivos da homenaxe é tamén este, visibilizar o papel das mulleres no rock bravú. Tamén houbo grupos femininos e pouco se fala deles. A festa de Xosefa vai ser tamén a das mulleres bravús”, comenta Carme Campo, unha das promotoras da merenda-festa que organiza canda a Gentalha do Pichel e protagonistas do movemento como Xurxo Souto, as Gharotas ou Sofía de Labañou. 

Para Carme Campo, Xosefa de Bastavales é unha “bravú” case en estado puro. “Pegaba moi ben co que foi todo o movemento na reivindicación da orixe galega, da música tradicional, nas letras e tamén na retranca. Xosefa é unha pandeireteira de raíz, que aprendeu a tocar de moi nova e sempre se acompañou da música e o baile”, comenta. 

Desde os dez anos toca Xosefa de Bastavales, a labrega que lle deu a Manu Chao o nome de “o desaparecido” cando tardaba moito en volver á aldea. Forma parte das “mulleres poderosas” que chamou Xurxo Souto, o filósofo do bravú, do grupo de músicas, algunhas das que estarán a cuarta feira na súa homenaxe. Cos Rastreros, Papaqueixos, Diplomáticos ou co propio Manu Chao viaxou a Lyon ou Barcelona esta muller que foi reporteira musical no programa “Que Serán!” da TVE en Galicia onde entrevistou a Cesária Évora ou Compay Segundo. Xosefa non sabe que, cando chegue a cuarta feira a Compostela unha festa agardará por ela. É sorpresa mais, quen a coñece adiviña xa a súa cara de alegría e a súa pandeireta e a súa voz a poñer a banda sonora da súa propia homenaxe.

Comentarios