Cultura

As mulleres disidentes de Viki Rivadulla

A exposición Raras (exiliadas, periféricas e monstras) chega á rede
O cadro 'Pensadora', acrílico sobre lenzo de Viki Rivadull
photo_camera O cadro 'Pensadora', acrílico sobre lenzo de Viki Rivadull

Os títulos son, ás veces, moi reveladores. No caso de Raras (exiliadas, periféricas e monstras), Viki Rivadulla ofrece unha declaración de intencións xa desde o principio. Mesmo sen entrarmos na galería de exposicións do Concello de San Sadurniño, golpéanos a forza reivindicativa dese valor negativo reapropiado polos colectivos denigrados, que leva a erguer como estandartes aqueles "defectos" que os grupos dominantes empregaron antano contra eles.

A mostra chegou a San Sadurniño a comezos de marzo, mais viuse obrigada a fechar por mor da alerta sanitaria aos poucos días. Co gallo de que todas poidamos gozar dela, Rivadulla comezou na última semana a subir ás súas redes sociais os distintos cadros, acompañados de breves explicacións. Se ben as imaxes "perden a maxia da pintura vista en vivo, desfrutando das cores, da textura, das pinceladas..." son un bo paliativo para estes tempos de distanciamento.

A muller como desvío

Raras (exiliadas, periféricas, monstras) agrupa unha serie de acrílicos sobre lenzo cunha temática común: "a muller como o que é diferente". Un desvío, estraño, tal e como a condición feminina se contemplou desde a cultura occidental.

"Somos o outro, en contrapunto coa masculinidade", explica Rivadulla

"Somos o outro, en contrapunto coa masculinidade", explica Rivadulla. Mesmo desde a perspectiva filosófica "a muller foi vista como un home inacabado", xustifica a pintora. Un paso máis alá do raro, o que é diferente vólvese ao tempo periférico, fica exiliado e obsérvase como algo monstruoso, o que leva a Rivadulla a ofrecer un "bestiario de raras" desde diferentes aspectos.

Elas, fóra da norma

A tradución visual destas ideas deriva en cadros que toman como bandeira, por exemplo, as "mulleres de antes, co pano na cabeza. Esas que nos pariron e nos criaron", que representan tamén un mundo que esmorece, periférico precisamente por iso, desde un punto de vista "emocional" que para Rivadulla se liga fondamente coa Costa da Morte, de onde ela é natural.

"A sexualidade feminina nunca se tivo en conta, o noso corpo existe só para o goce do masculino", explica Rivadulla

Raras tamén son as mulleres que ousan gozar do propio corpo. "A sexualidade feminina nunca se tivo en conta, o noso corpo existe só para o goce do masculino", explica Rivadulla. Así, a condición disidente da muller aparece tamén cando se atreve a ser dona dos seus desexos. A propia artista apunta ter escoitado as duras críticas cara a aquelas que se afastan da norma nese senso tan censurado.

Outro dos alicerces de Raras é a presenza do coñecemento, outro dos aspectos que non se conxuga en feminino. "O pensamento sempre nos foi negado. O concepto de xenio existe unicamente en masculino, aquelas mulleres que se achegan a el son consideradas con actitudes de home". O cadro Voadora, recolle xustamente a realidade das que se atreven a desenvolver esta faceta contra os ditados sociais que as condenan a ser "anxos do fogar". Un motivo que se manifesta ao longo de toda a obra.

Desde a homenaxe

Este último exemplo, como a exposición enteira, érguese na homenaxe ás que desafiaron a súa posición no sistema. As que foron raras, monstras. Porque "a auga sempre se filtra polos ocos máis cativos, mesmo onde non hai lugar", di Rivadulla. O seu traballo reivindica esa herdanza, sen a que o mundo sería "un lugar máis triste, máis escuro e con menos dereitos para todas".

Comentarios