Xornada organizada pola Deputación da Coruña

As mulleres da música reivindican “lentes lilas”

Ao redor de vinte mulleres de todos os ámbitos da música galega tomaron parte da xornada organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do programa “A Cultura é un dereito”. Acordaron o documento “Cara aos lentes violetas na música” para reivindicaren igualdade.

_CRS4405web

Eliminar o machismo da música. Ese foi o principal obxectivo da xornada promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña dentro do programa “A Cultura é un dereito” e que congregou unha vintena de mulleres galegas que traballan no ámbito musical. Unha iniciativa que contou con mesas redondas e concertos de Mounqup, Naima Acuña e Cora Novoa, ademais dunha conversa con Ses.

Da xornada saíu o documento “Cara os lentes violetas na música”, elaborado pola asociación Mulleres na Industria da Música e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e que ten como fin contribuír a avanzar na igualdade nos distintos ámbitos da música.

As liñas de acción

O documento, que foi presentado na sesión da mañá, recolle medidas como incentivar ou premiar aqueles proxectos que conten cunha política de igualdade estabelecida e, en sentido contrario, propón a introdución de cláusulas nas convocatorias que tendan á eliminación da presenza nas programacións financiadas ou contratadas polas administracións de formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten.

Trátase, segundo contempla a proposta, de “non contribuír con diñeiro público a manifestacións musicais que contribúan á desigualdade, sexismo, marxinación, ou violencia contra as mulleres”.

Outras das propostas de “Cara os lentes lilas” indican a necesidade de incentivar ou premiar aquelas áreas “non ocupadas” habitualmente por mulleres ademais de pular pola paridade nas comisións, xurados ou tribunais designados para valorar desde as institucións proxectos vinculados á música. Aliás, as asociacións demandan máis promoción de formación dirixida ás mulleres naquelas áreas con menor presenza e a elaboración de informes da situación das mulleres na música galega, con censos ou catálogos da súa presenza.

A proposta convida as institucións e entidades a incentivar ou premiar proxectos construídos con perspectiva de xénero.

"Queremos unha vida máis digna", di Sanmartín

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, puxo de manifesto que “queremos unha vida máis digna e eliminar a discriminación patriarcal. O que as mulleres temos en común é que nalgún momento das nosas vidas padecemos o teito de cristal que nos oprime e os chans pegamentos que non nos deixaba camiñar”.

“Saber que está a acontecer, ter un diagnóstico e mover unha peza para que ese produza o efecto dominó é o obxectivo desta iniciativa que quere reflexionar mais tamén avanzar no camiño da igualdade”, explicaba Goretti Sanmartín ao inicio da xornada que se desenvolvía o sábado, día 19, no Teatro Colón da Coruña no marco do programa de iniciativas que desenvolve a súa área para fomentar a igualdade desde o ámbito cultural, como o premio Begoña Caamaño de proxectos culturais feministas ou o Luísa Villalta.

Comentarios