Do 4 ao 10 de xuño

Mulleres cineastas na mostra etnográfica do Museo do Pobo Galego

A falta de coñecer as fitas a concurso, a 13ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego abrirá as súas interesantes seccións paralelas ao cinema realizado por mulleres. Será na sede compostelá da institución entre o 4 e o 11 de xuño.
 

Why is difficult to make films in Kurdistan
photo_camera Fotograma de 'Why is difficult to make films in Kurdistan', de Ebrû Avci.

Etnografía, muller e cinema é o epígrafe que agrupa a maior parte de pezas obra de cineastas mulleres. Coordinado pola investigadora en artes visuais Ánxela Caramés, “reacciona ante o carácter androcéntrico dominante nas ciencias sociais e ante a dificultade das cineastas para ter un espazo propio no que recoñecerse”.

Cartaz 13ª Mice

Unha directora libanesa, Feyrouz Serhal, responsábel de Tshweesh; outra israelí, Helen Yanowsky, que critica a limitación de movementos da poboación palestina en The boy from H2; e outra turca, Ebrû Avci, con Why is difficult to make filmes in Kurdistan, abrirán o ciclo. Que continuará cunha segunda sesión de curtametraxes, a cargo das galegas Xisela Franco -Cruz Piñón- e Olaia Sendón -Fisterra, carne de Safari- e mais de Estíbaliz Sádaba -Las filanderas.

A primeira longametraxe da tamén galega Diana Toucedo, Trinta Lumes -sobre o Courel- pechará Etnografía, muller e cinema.

Ademais desta, outra sección paralela, programada polo Cineclube de Compostela e de nome Trazas, tamén acollera cinema de mulleres. Por caso, Niced Coloured Girls (1987), da australiana Tracey Moffat, Doghter Rite (1978) de Michelle Citron, ou a mítica Trás-os-Montes (1976), de Margarida Cordeiro e António Reis.

Os programas paralelos da mostra do Museo do Pobo Galego complétaos Espiello, que recolle dous filmes premiados en Espiello, o Festival Internacional de Documental Etnográfica de Sobrarbe, en Huesca, “todo un referente internacional no ámbito do documental e a antropoloxía visual”. Os filmes serán Marquis de Wavrin, du manoir à la jungle, dos belgas Grace Winter e Luc Plantier, e China's 3Dreams, do australiano Nick Torrens.

Nota: cartaz da 13ª edición da Mostra Inetrnacional de Cinema Etnográfico do Muso do Pobo Galego.

Comentarios