Proxecto de Urco

"Mulleres bravas da nosa historia", de Rosalía a María Victoria Moreno

Mulleres bravas da nosa historia é unha nova iniciativa editorial que nace coa vontade de crear unha colección de biografías de mulleres senlleiras que forman parte da historia da Galiza, dirixida ao público máis novo

mulleres bravas

Urco Editora, en colaboración coa libraría Lila de Lilith, lanza unha campaña de crowdfunding para poder sacar a diante a nova colección de libros infantís Mulleres bravas da nosa historia. A través desta campaña, pretenden amortizar os custos de saída e poder realizar unha distribución axeitada por todo o país (librarías, bibliotecas, centros de ensino etc.), así como asegurar unha serie de vendas de partida que axudarán a cubrir parte dos custos iniciais.

Os dous primeiros volumes están dedicados a Rosalía de Castro e a María Victoria Moreno e, se o proxecto consegue alcanzar este obxectivo inicial, verán a luz a finais do mes de novembro, e as seguintes publicacións chegarán aos andeis das librerías trimestralmente.

Os libros veñen acompañados de actividades para realizar coas crianzas, así como unha cronoloxía, o que axuda a valorar a achega das protagonistas á cultura da Galiza

Alén de contar coas biografías das protagonistas, os libros tamén veñen acompañados de actividades para realizar coas crianzas, así como unha cronoloxía, o que axuda a valorar a achega das protagonistas á cultura da Galiza.

O proxecto Mulleres bravas na nosa historia está coordinado por Andrea Jamardo Seijo, de Urco Editora, e conta cun comité conformado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega). Igualmente, a revisión lingüística dos textos correrá a cargo de Raquel Vila Amado (traballadora do ILG e correctora profesional). Por outra banda, as ilustracións de todos os libros son de Eva Agra e o texto é de diferentes autoras galegas como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez…

As persoas colaboradoras serán recompensadas

As persoas que colaboren na campaña serán recompensas con chapas (a partir de 3 euros), coa precompra de libros xunto con diferentes agasallos (a partir de 10 euros), ou lotes de libros con descontos de entre o 35% e o 50% do PVP (a partir de 65 euros), entre outras.

Máis información

Para contribuír economicamente con este proxecto sigue este enlace aquí. Ademais, podes facer as túas consultas a través dos perfís de Facebook da editorial Urco Editora ou da libraría Lila de Lilith.

Comentarios