Obras por descobrir no Museo de Pontevedra

Mulleres artistas rescatadas do esquecemento

Unha das causas polas que a presenza das mulleres artistas parece inexistente é que foron practicamente ignoradas polos estudos da historia da arte, e é que moitas das súas obras se atribuíron a varóns coetáneos ou figuran no apartado de anónimos.

Dibujo
photo_camera Detalle de Inocencia, 1913, de María Roesset Mosquera (1882-1921). Museo de Pontevedra.

A colección do Museo de Pontevedra posúe obras asinadas por mulleres do século XIX e XX, pero descoñecemos se entre os moitos anónimos podería haber algunha muller. Durante moito tempo elas só podían exercer como afeccionadas, algo común nas mulleres pertencentes á aristocracia ou a familias acomodadas que recibían aulas de debuxo e pintura, para que lle servisen de distracción nos seus momentos de ocio. Só estas e as que eran familiares de artistas, en cuxos obradoiros colaboraban, podían formarse, pero a maioría das súas obras atribúense ao dono do obradoiro ou cítanse como ‘obradoiro de’.

A escultura foi valorada, durante moito tempo, como un traballo vinculado á artesanía e non se consideraba adecuado para a muller. Por iso debemos resaltar o mérito de Dolores Rodeiro Boado (1853-?), a única escultora galega do S. XIX, filla do escultor Francisco Rodeiro (1813- 1873), pero cuxas obras se confunden coas do seu pai, do que existen dúas imaxes relixiosas no Museo.

Dunha familia aristocrática procedía Carmen Babiano Méndez Núñez (1852-1914), que recibiu clases do pintor Ramón Vives Ayné (1814-1904). O sistema de aprendizaxe consistía na copia de láminas, e no Museo consérvanse moitos debuxos copiados por ela e por outras mulleres da segunda metade do século XIX, das que coñecemos pouco máis que o seu nome. De Carmen Babiano sabemos que participou en exposicións colectivas e concorreu a numerosos certames e concursos artísticos, ilustrou en La Ilustración Gallega y Asturiana e figurou entre os debuxantes da “Sociedad Arqueológica de Pontevedra”. Algún dos seus óleos como As pitas (1880) recibiron premios, pero tras a súa voda, en 1882, a súa actividade pictórica desaparece do ámbito público.

Durante tempo, as mulleres só podían exercer na arte como afeccionadas e non eran recoñecidas

Ademais dos pintores que impartiron clases particulares, existían centros de ensinanza como as Sociedades de Amigos del País ou as Escuelas de Arte y Oficios, que amosaron interese pola docencia da muller, aínda que se orientaba a tarefas de ámbito doméstico e nalgún caso do mercantil. Entre estas sociedades e as clases particulares formáronse moitas artistas do primeiro terzo do século XX, como as que están representadas na colección do Museo: Oria Moreno (1881-1978); María Corredoira (1893-1970) e Elvira Santiso (1883– 1961). Ao igual que os seus compañeiros de xeración, participaron nas exposicións rexionais, pero as críticas da súa obra cítanse en grupo, sen diferenciar as que debían ser destacadas pola súa valía artística, e a referencia á súa arte adoitaba facer alusión á delicadeza coa que pinta o “belo sexo”, sen más apreciacións estilísticas.

Tanto Elvira Santiso como María Corredoira conseguiron logros importantes. Elvira Santiso puido vivir dos encargos e das clases que impartía no seu domicilio e na Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, labor docente pola que recibiu a medalla de Alfonso X el Sabio. María Corredoira foi recoñecida con destacados nomeamentos en institucións artísticas, pero os nomes de ambas tardaron anos en saír á luz porque non se incluían nos estudos. E se elas permaneceron no esquecemento, máis o fixeron as que non puideron acadar unha carreira profesional. Foi o caso da escultora madrileña Carmen Alcoverro, (1872- ?), filla do escultor José Alcoverro y Amorós (1835-1908), autora do Busto de Enrique Campo (1910), co que conseguiu unha Mención Honorífica na Exposición Nacional de 1910. Pero tras o seu matrimonio, en 1911, abandonou a escultura.

A escultura foi valorada como un traballo vinculado á artesanía e non se consideraba adecuado para a muller

Un exemplo de muller artista que traballa na intimidade da súa casa foi María Roesset (1882-1921). Foi unha extraordinaria pintora que realizou innovacións plásticas próximas á vangarda, pero permaneceu no esquecemento ata 1895, ano no que se publicou un artigo sobre a súa obra. Un caso ben diferente é o de Maruja Mallo (1903-1995), unha das artistas máis sobresaíntes da vangarda española. A súa obra captou a atención de personaxes como Ortega y Gasset, Gómez de la Serna, Picasso e André Bretón. Participou nas principais exposicións e grupos da vangarda e tras a Guerra Civil marchou á Arxentina, onde pinta a Cabeza de Negra (1946), que actualmente forma parte da colección do Museo. Nos mesmos anos que Maruja Mallo estuda Belas Artes en Madrid, faino tamén Julia Minguillón (1906-1965), cuxa obra se desenvolve principalmente tras a Guerra Civil. Julia Minguillón enviou á Exposición Nacional de 1941, La Escuela de Doloriñas, cuxo bocexo se atopa no Museo, e obtivo unha Medalla de Primera Clase, a primeira e última obtida por unha muller. Porén, a crítica destaca máis a tenrura feminina da súa obra que o seu estilo.

Nos anos da posguerra emerxeu a denominada Escuela de Madrid, caracterizada por unha pintura figurativa non académica que fuxía de tópicos e reinterpretaba a realidade desde as formas estruturadas do cubismo e o cromatismo fauve. Baixo esta influenza podemos citar tres pintoras representadas no Museo: a galega María Antonia Dans (1922-1988), a manchega Gloria Merino (1930) e a murciana Sofía Morales (1917-2005). Todas elas estudaron Belas Artes, fixaron a súa residencia en Madrid e conseguiron un currículum cheo de exposicións, premios e bolsas, ao igual que moitos pintores coetáneos, con todo, o modo de ser tratadas pola crítica foi diferente. Mª Antonia Dans, tras pintar un importante mural en 1956, recordaba como a crítica eloxiaba a súa obra porque parecía pintada por un home, en vez de aceptar o talento dunha muller. E sobre Gloria Merino, en 1959, un crítico defende a súa obra porque como muller tiña en si mesma todas as posibilidades da virilidade. Ambas souberon ofrecer unha visión das súas respectivas terras, cun estilo influenciado por Benjamín Palencia y Zabaleta.

Na segunda metade do século XX emerxen movementos de vangarda como o informalismo, no que se desenvolve a obra da escultora galega Elena Colmeiro (1932), que non só se enfrontou á dificultade que supoñía, para unha artista, dedicarse á escultura, senón que tivo que facerlle ver ao público que a cerámica é un material máis da escultura. Elena sempre afirma que ser muller nin lle prexudicou nin lle favoreceu, pero non lle sucedeu o mesmo a Juana Francés (1924- 1990), a única muller do Grupo El Paso, no que só estivo dous meses, polas críticas dalgúns compañeiros.

Outra muller que tamén tivo dificultades para ser pintora foi María Victoria de la Fuente (1927-2009), que contaba como seu pai se resistía a que estudase Belas Artes polo ambiente bohemio e a súa reticencia a que debuxase espidos do natural. Pero a súa obra é un magnifico exemplo tanto da figuración expresionista próxima a Bacon, como do realismo intimista.

As mulleres artistas nacidas nos sesenta entran na colección do Museo a través do certame “Novos Valores”, convocado pola Deputación de Pontevedra desde 1982. Exemplos representativos son Berta Cáccamo (1963) e Pilar Álvarez Pablos (1967). En 1990 créase a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde o número de mulleres supera ao de homes. Almudena Fernández Fariña (1970) e Tatiana Medal Francesch (1971) formaron parte da primeira promoción e participaron, en 1994, na exposición 30 años en el 2000, na que a proporción de homes e mulleres comezaba a inverterse.

[Esta peza foi publicada no A FONDO Museo de Pontevedra, referencia da arte, no Sermos Galiza 210, á venda na loxa]

Comentarios