Concerto en Compostela

O Muguruza electrónico e escuro desátase en directo

Hai uns meses, Fermin Muguruza pendurou nas redes sociais unha fotografía de 1999 en que aparece abrazado a Joe Strummer. Na imaxe, Muguruza viste unha cazadora co logotipo da banda de rock industrial Nine Inch Nails. Case vinte anos despois, a iso remite a defensa ao vivo do seu novo proxecto: a electrónica industrial, marcial por intres, que avisa do agónico estado das cousas.
 

fermin muguruza en Compostela maio 2018
photo_camera Fermin Muguruza, Karlos Osinaga e The Suicide of Western Culture na Sala Capitol de Compostela o sábado 26 de maio. Foto: Sermos Galiza.

El estado de las cosas foi, xustamente, unha das tres pezas que Muguruza rescatou da súa impresionante traxectoria musical no concerto do sábado na Sala Capitol de Compostela. Presentaba B-Map 1917+100, o disco facturado o pasado ano canda o dúo catalán -sintetizadores e aparellos varios- The Suicide of Western Culture en homenaxe á continuidade histórica do xesto revolucionario ruso. Sobre o escenario, eles tres mais o descomunal guitarrista Karlos Osinaga, coñecido polos seus labores en Lisabö.

fermin muguruza en compostela maio 2018 2

Se o programa estético de Muguruza vén de dar un valente xiro cara á aspereza e a escuridade -adeus Xamaica-, o programa político mantense. Cada un dos temas que degrañou sobre o palco da Capitol viña acompañado do seu correspondente videoclip, proxectado a toda pantalla, en que desfilaban o Mariscal Tito, Black Panthers, a resistencia kurda, cataláns votando, A Batalla de Alxer. O calculado xogo de luces engadía sensación de asfixia ao que o músico vasco cualifica como a súa obra “máis dura en 20 anos”. A autorreferencia que marca nas entrevistas é Ireki Ateak, o seu rexistro de 1997 con Dut.

B-Map 1917+100 soou ao completo. Dez cancións sobre dez cidades cuxo topónimo empeza por b. Un mapa sentimental e ao tempo actual -Belfast, Bilbo, Beirut, Belgrado...- do activismo global co que se identifica Muguruza. Unha nova advertencia de que o verdugo ten mil caras, cuxa potencia e percorrido en directo exceden amplamente as da gravación fonográfica. Sen nostalxias. A desfiguración electrónica de Zu atrapatu arte (Kortatu) e mais de Itxoiten, do disco negro de Negu Gorriak que fai un cuarto de século, non poderían considerarse tal. O Fermin Muguruza de B-Map non mira atrás.

Sexa pola tensión que desatan The Suicide of Western Culture e as intensas cambras de Osinaga e o inaudito da proposta, sexa pola coincidencia con outros eventos e celebracións, a sala compostelá ficou a medio encher. Nas táboas, a circunstancia non pareceu importar. Como prologuistas oficiaron Ezetaerre, hip hop de combate en galego aos que non acompañou a ecualización. Non obstante, agochan talento para as melodías urbanas entre os seus chamamentos á insurreción.

Comentarios