Muchachicha é unha aposta polo 'body positive' e a artesanía galega

Muchachicha: "Agora todo colle dentro das nosas bragas"

Pilar Ceneri e Noela Hermida elaboran roupa "xeitosa feita á man con conciencia ecofeminista" baixo a marca Muchachicha. Trátase dun proxecto innovador a nivel galego que conxuga artesanía téxtil e moda co ecoloxismo e co feminismo como bandeiras. Desde a filosofía do 'body positive', estas artesás danlle unha volta á roupa interior con deseños que apostan pola liberdade, en todos os sentidos
Pilar Ceneri e Noela Hermida, impulsoras de Muchachicha, cos seus deseños de roupa interior [Foto: Muchachicha].
photo_camera Pilar Ceneri e Noela Hermida, impulsoras de Muchachicha, cos seus deseños de roupa interior [Foto: Muchachicha].

Como xorde a idea de lanzar a marca Muchachicha?

Empezamos porque nos decatamos de que dentro do ámbito da sostibilidade existía un baleiro no que a roupa interior se refire. O feito de engadirlle un valor feminista foi algo orgánico porque para nós, feminismo e ecoloxismo van da man. Así o vemos desde o ámbito da cultura de coidados, que normalmente vai asociado ás mulleres, e que quixemos estender até as prendas co afán de coidar a todo o mundo, desde as persoas que o producen até o planeta en si mesmo. Á súa vez, tamén tiña que estar vinculado coa filosofía do body positive, un movemento ou corrente mediante a cal se procura ver e entender os corpos en positivo, tal e como son, de forma natural e sen rexeitamentos. O proxecto xurdiu a raíz de aí. Queríamos facer ioga cómodas e non tiñamos economía para mercar prendas sostíbeis, mais si para crealas. O nome de Muchachicha sae dese sentirte "inchada", porque, teñas máis ou menos peso, sempre hai un "pero". Mais agora todo colle dentro das nosas bragas, que son altas e cun deseño idóneo para que esteas o máis cómoda posíbel.

Foi dificultoso o proceso de deseño e de procura de materiais das prendas?

As primeiras prendas naceron da curiosidade, de ir probando e a base de tutoriais. Aprendemos pola nosa conta, desde a procura de materiais, intentando facelo sempre de maneira local e cunha clara aposta nos materiais orgánicos. Procuramos construír algo próximo e o máis sostíbel posíbel. Os primeiros pasos démolos a través de patróns que conseguimos en internet. Fomos traballando sobre eles, cosendo e adaptándoos aos nosos gustos e necesidades, ás formas que nós procurabamos. Tivemos a sorte de atopar unha empresa en Vigo que fai elásticos sen químicos malos para a pel... e moi pouquiño a pouco foise construíndo a roupa interior, primeiro con algodón orgánico e agora xa con algodón orgánico con bambú, unha planta que ten un montón de propiedades antibacterianas para o corpo, algo que é moito mellor para as zonas íntimas. Ademais, as cintas que utilizamos son de base auga e o fío co que traballamos é orgánico. Nun principio tivemos que adaptar as prendas aos materiais dos que dispuñamos, non foi sinxelo, o deseño ás veces tiña que acomodarse aos materiais que estaban ao noso alcance. De feito, as primeiras bragas fixémolas con camisolas vellas porque había que experimentar e naquel momento non tiñamos diñeiro para mercar teas. Por aí comezamos a patronar.

Os seus deseños tamén rompen estereotipos. Notan algunha barreira?

Si, por suposto. Nós vendemos de cara ao público, na rúa, nos mercados primordialmente, e aí decátaste dese choque cultural que aínda existe. A xente ás veces non está preparada para ver unhas bragas "grandes". En Muchachicha sabemos que non son bragas para todas, mais nacemos tamén para iso, para reeducar, para abrir a mente dos demais. A puntilla non é a única roupa interior sexy para levar posta, ti podes, e debes, sentirte sexy até dentro dun saco de patacas. A nós dixéronnos un pouco de todo: "bragafaixas", "bragas de avoa", "bragas para baleas". Falta esa educación... Somos conscientes de que de momento na Galiza non é fácil propor produtos ecolóxicos nin deste estilo, un pouco diferentes e que rompen patróns. Cando recomendas unha talla, ao ser bragas grandes, a primeira reacción é de rexeitamento. Téñennos dito, "seguro que levo unha menos". Parece que sempre debemos entrar en lugares máis pequenos, o noso cerebro pide unha prenda pequena e iso é algo que hai que traballar.

Comentarios