domingo 24/10/21
A loita da clase obreira viguesa contra Franco

O mozo da bandeira, unha historia de vida militante

Xabier Alonso Salgueiro, con 16 anos, comezou a traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fragua a súa conciencia política. En 1971 préndeno portando unha bandeira galega. Torturado, encarcerado e despedido, falecerá anos despois nun accidente laboral.
calendario
Calendario elaborado por Xabier no cárcere onde apuntaba os días de presidio.
Cando Sito, o roxo de Regodauga, veu ao mundo, no verán de 1951. O Val Miñor era un territorio de subsistencia aldeá na que se conxugaban os traballos agrarios coa procura doutros temporais ou, con sorte, no naval e, máis tarde, na Citroën. Cando naceu, a miseria posbélica alongábase e, aínda que se abrira a espita cara a América, a de Europa seguía fechada. Cinco anos antes, Churchill acuñara o de “iron curtain”; pouco despois Eva Perón lexitimara o franquismo. Cando tiña dous anos creouse a OTAN e, mentres botaba as primeiras carreiras, o Pacto de Varsovia. O mundo dividido en bloques. En 1959 o franquismo era redimido: Eisenhover visitaba Franco.
 
Europa converteuse no novo destino para remesar divisas. Alá foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Os floríns de cada nómina representaban unha pequena fortuna. A empresa na que traballou concedía bolsas escolares e a Sito e ao seu irmán mandáronos internos ao ourensán Colexio Menor. A aventura rematou con cadanseu bacará.
A represión do réxime cebouse con Xabier, condenado a dous anos e catro meses de cárcere en 1971
Con menos de 17 anos, Xabier, representado polo seu pai, asina o seu primeiro contrato de aprendiz. No estaleiro nacerá un mozo novo que quere saber, descubrir, coñecer, contrastar opinións. Eses degoiros empurrarano a continuar o bacharelato na quenda nocturna. O contraste entre o mundo rural e o mundo industrial pode quedar reflectido na substitución do apelativo. Deixou de ser “o roxo de Regodauga” para pasar a ser “o rubio de Barreras”.

Os primeiros movementos

Nos anos de aprendiz achegouse aos ideais de xustiza social, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se denominaban “clases populares”. Pouco antes de que asinase o seu primeiro contrato constituírase en Barreras a primeira comisión obreira; pouco despois Carrero Blanco exercía como líder dun proxecto “continuísta”. Dous anos máis tarde, Juan Carlos era nomeado sucesor de Franco a título de rei. Mais o réxime xa non era monolítico e os movementos opositores cada vez máis fortes.
A causa contra Xabier informa da solidariedade da clase obreira galega cos militantes da ETA xulgados no coñecido como “Proceso de Burgos”
Cando levaba tres anos en Barreras, en 1970, o réxime tería que enfrontar o denominado “proceso de Burgos”, no que se axuizaban 16 mozos da ETA. As nove penas de morte solicitadas xeneralizaron as protestas. O repudio internacional e as presións diplomáticas, incluíndo as do Vaticano, sementaron dúbidas no réxime, que se apurou a promover mobilizacións. O ditador interpretounas como unha lexitimación da súa autoridade e manobrou para conceder o indulto. O réxime, e Franco en particular, cedía ás presións. Xabier viviu con intensidade aqueles días de mobilizacións baixo a ameaza permanente da brutal represión. Sabémolo porque na sentenza escribiron que “no transcurso dos meses de xaneiro e febreiro de 1971, difundiu, guindando polo chan (…) abundantes follas (…) subscritas polas denominadas Comisións Obreiras” nas que se facía referencia aos “patriotas vascos” aos que a loita “dos pobos de España” lles salvara a vida.

O mozo da bandeira

Naquela altura conformáronse os primeiros xermolos do sindicalismo galego e as novas organizacións políticas nacionalistas foron tomando corpo social. Nesa configuración simbólica da comunidade nacional vai desempeñar o seu papel Xabier, Sito, o “roxo de Regodauga”, o “rubio de Barreras”, que engadirá un novo alcuño á súa xa longa lista de apelativos, o de “o mozo da bandeira”. Alcume xurdido da reelaboración imaxinada da súa detención e da súa conversión en emblema do rexurdir nacional como xa o fora a bandeira ergueita por Antón Vilar Ponte na primeira páxina d´A Nosa Terra. A nova bandeira non era alzada pola pluma dun xornalista de mediana idade e clase acomodada, senón por unha man proletaria e xuvenil; non desde unha mesa de redacción, senón desde as rúas ocupadas pola policía da ditadura.
 
Non coñecemos as razóns da convocatoria da manifestación; as fontes varían en función dos presupostos políticos. O máis probábel é que cadaquén acollese o motivo que máis lle aquelaba. O caso é que, segundo a sentenza do Tribunal de Orde Pública (TOP): “sobre as 21 horas do 27 de abril de 1971, un grupo superior a vinte persoas, sen a pertinente autorización, descorreron aglutinados polo Paseo de Alfonso XII (...), dando berros (...) e esparexendo panfletos”.
Xabier foi detido e procesado por portar unha bandeira galega nunha manifestación obreira en abril de 1971
Que Xabier erguía unha bandeira galega, confírmanolo o seu avogado Alfonso Álvarez Gándara, quen nos informa: “Lembro con peculiar precisión que o atestado policial imputáballe ser o portador dunha bandeira galega izada “nun alto puntal” (isto significábao en canto manifestante), bandeira que era “branca, dun pano asedado, e cruzada en diagonal por unha banda verde”.
 
O daltonismo policial foi un agasallo para o defensor e para Xabier. Álvarez Gándara procurou minimizar a súa relevancia na manifestación aducindo que a bandeira galega non era ilegal e que a banda que a cruza é azul, polo que un pano branco cunha banda verde carecía de significado político. Na sentenza, o TOP ten que agochar o erro policial e non fan referencia ao levantamento da bandeira, mais condénano “en grao de mero partícipe” por “un delito de propagandas ilegais e outro de manifestación non pacífica”. Polo primeiro, a multa de 10.000 pesetas e dous anos e catro meses de prisión; polo segundo, a tres meses. Por suposto interpúxose recurso de casación ante o Supremo por “quebrantamento de forma”, pero este sentenciou que non había lugar.

A estadía no cárcere

Detido o 27 de abril de 1971, pasou 11 días na comisaría. Segundo consta na sentenza estivo detido até o 18 de xuño. O réxime decretara o “estado de excepción” dentro do permanente estado de excepción do franquismo. Aquel verán do 71 tivo que ser moi duro para Xabier. Un mozo de vinte anos cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do traballo, incomprendido pola veciñanza, coa policía enriba e a ameaza do que lle farían pasar na “mili”. En setembro colle camiño de Ferrol para facer a instrución; logo para Cádiz, onde estará até licenciarse en febreiro de 1973.
Algunhas fontes sinalan Xabier como a persoa que lle puxo nome á Organización Obreira
A nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo fixo e coa ameaza de que en calquera momento viñesen na súa procura. O que non agardaba era o humillante espectáculo que argallaron. Dous meses despois de rematar a “mili”, un despregue de gardas civís armados acurralaron a casa paterna; prendérono, baixárono a Gondomar, esposárono na porta do cuartel, no centro da vila, á argola de atar os cabalos, e deixárono alí durante horas para que todos soubesen que ninguén se podía arrepoñer ao réxime. Ao día seguinte, trasládano á prisión de Vigo, logo á Coruña; despois ao vello cárcere pontevedrés da Parda, onde cumprirá o resto da condena. 
 
Había que sobrevivir, aproveitar o tempo para a formación cultural e política e tamén para continuar na loita contra a ditadura, reclamando dereitos para os presos ou solicitando a conmutación da pena de morte para Puig Antich.
 
Ano e medio despois de cumprir a condena era readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada non na loita sindical e política, o que non empecía da súa participación activa en CCOO ou no PCG, senón no movemento veciñal e na vida municipal de Gondomar. Ningunha actividade social para a mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da súa entrega solidaria.
Eran tempos de mudanzas, de novos proxectos e métodos organizativos e políticos. Xabier sería o impulsor dunha proposta veciñal construída a partir de asembleas parroquiais con entidades veciñais, culturais, deportivas, comunidades de auga, de montes… Ao final deu co tempero para remover a política municipal de Gondomar. Mais a traxedia agardaba tras da porta.
 
Contra o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier e un compañeiro andaban a traballar, con sopretes de propano, no tanque dun atuneiro. Nun intre víronse arrodeados polas chamas. O compañeiro puido saír pero a Xabier ninguén o puido socorrer. 
 
Nunca tanta xente se xuntou ao pé do Galiñeiro para acompañar o cadaleito. Vivimos mentres alguén nos recorde. A vida de Xabier será longa.

Organización Obreira

Xabier, a través da Comisión de Barreras, comezou a relacionase coa mocidade do Partido Comunista. Unha parte significativa da mesma comezou a distanciarse do discurso oficial. Estas tensións tomaron, en Vigo, uns trazos especiais. Entre estes mozos callaron tanto as criticas á posición sobre a crise do movemento comunista internacional como as xurdidas no debate sobre os dereitos nacionais galegos. Nese ambiente abrollou Organización Obreira (OO).
 
A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus integrantes eran, ou foran, membros da Xuventude Comunista. Todas as fontes confirman a participación de Xabier. Mesmo seica lle puxo o nome tras unha discusión por un panfleto que non concordaba coas directrices de CCOO, propuxo asinalo cun simple OO. Mais a súa participación tivo que ser moi limitada, pois a maior parte do escaso tempo que durou esta organización, Xabier pasouno na “mili” ou na cadea. 
 
As fontes sinalan que OO, como acción paralela e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das CCOO e do PCG, formalizaríase en xaneiro de 1972, disolvéndose en xuño de 1974. Nace pois entre mozos das CCOO de Barreras, Álvarez, Citroën ou Ascon-Ríos. Parece que estivo limitada a Vigo e caracterizouse por unha concepción vangardista da acción política e sindical. 
 
Tras a súa disolución unha parte regresaría, ou quizais nunca o abandonou, ao PCG (caso de Xabier ou de X. Cameselle), outra parte (os irmáns Araújo, Hierro Chomón...) acabaron por integrarse na OMLE que derivaría no PCE(r)-Grapo. Un terceiro grupo (Méndez, Chaves, Pousada, Moncho de Barreras...) xunto ao grupo Galicia Socialista, promoveron o SOG, predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na UPG.
 
O papel de OO nas folgas de 1972 foi salientábel como axente mobilizador e combativo. As grandes loitas daquel ano na área viguesa estiveron determinadas pola solidariedade cos obreiros ferroláns (marzo), a folga de Barreras (maio) e o conflito de Citröen en setembro.

comentarios