Do 18 ao 27 de xullo

A Mostra de Teatro de Ribadavia: “Festiva, enérxica, diversa, galega, internacional”

“Queremos ofrecer un programa diverso que garanta o dereito de todas as franxas sociais á arte escénica de alta calidade”. Eis o propósito explícito da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que do 18 ao 27 de xullo atinxe a súa edición número 35, cuxo programa anúnciase como “festivo, enérxico, diverso, galego, internacional, único e comprometido”.

transfiguración de olivier de sagazan
photo_camera Imaxe de 'Transfiguración', a obra de Olivier de Sagazan que se poderá ver na MIT de Ribadavia. Foto: cedida.

Organizado polo Concello de Ribadavia e dirixido por Roberto Pascual, trátase dun dos festivais teatrais máis emblemáticos da Galiza. “Ribadavia é contexto fértil, laboratorio, demostración de mudanzas que producen vento a favor para a creación escénica e para o público”, sinalaron os seus responsábeis na presentación do programa esta quinta feira, 20 de xuño, “dende a liberdade e a independencia de criterios e xestión”.

Teatro físico, novo circo, teatro textual, teatro de obxectos, espectáculos premiados e estreas fan parte da mesma. Da compañía Chévere a Voadora, de Pistacatro a Sincronacidas, de Iria Pinheiro a Evaristo Calvo, o máis graúdo da escena galega pasará polos escenarios do Ribeiro. Como o fará o mexicano Teatro Línea de Sombra, teatro documento sobre migracións e conflitos na fronteira.

Á compañía arxentina Un poyo Rojo corresponderá a inauguración da mostra e á galega Voadora, o peche. A organización salientou tamén o traballo de Olivier de Sagazan, “referente da arte macabra” con Transfiguración, ou de Jauría, peza baseada no caso de La Manada. O teatro documento é unha das liñas máis exploradas pola MIT de 2019.

As entradas estarán dispoñíbeis a partir do 1 de xullo na oficina do festival na Praza Maior de Ribadavia ou na web Ataquilla. No documento anexo a esta información pode consultarse a programación completa.

Comentarios