Xácome retiroulle as axudas á 18ª edición do festival

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense volve sen o apoio do Concello

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense, unha cita clásica destas datas, comezou onte a súa 18ª edición, que sae adiante malia a drástica redución orzamentaria á metade, ao non ter o apoio do Concello da cidade. A Mostra volve á palestra "igual que cando comezou, con formato pequeno e coidando a calidade".
'Quixote', da compañía Pedras de cartón.
photo_camera 'Quixote', da compañía Pedras de cartón. (Foto: Pedras de cartón)

Un dos grandes eventos culturais destas datas, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI), fai 18 anos coa edición de 2021, mais a celebración desta “maioría de idade” non contará, por primeira vez, co apoio do Concello de Ourense. Na súa particular cruzada contra o mundo da cultura, o alcalde Gonzalo Pérez Xácome retiroulle as axudas á MOTI amparándose na “baixa afluencia de público”, un extremo que a organización do festival desmentiu con datos: tanto a MOTI como a Mostra de Teatro Universitario (Miteu), á que o alcalde tamén lle retirou o apoio, cobren habitualmente o 90% dos aforamentos, unha cifra inusualmente alta neste tipo de eventos.

O alcalde vén de borrar a palabra cultura da concellaría que xestiona el directamente, e que agora pasará a denominarse Concellería de Artes e Festexos.

Pérez Xácome, desta vez, foi máis alá do institucional e permitiuse ataques persoais nas redes sociais aos organizadores da MOTI referíndose ás axudas como “imposto revolucionario” e ás persoas do mundo da cultura como “culturetas”, un apelativo que vén empregando desde que tomou posesión do cargo. Non contento con iso, o alcalde vén de borrar a palabra cultura da concellaría que xestiona el directamente, e que agora pasará a denominarse Concellería de Artes e Festexos. 

Fernando Dacosta, membro da compañía Sarabela e director da MOTI, explica a Nós Diario que “sempre houbo diferenzas sobre a maneira de entender a cultura, cando lle reclamamos un plan cultural para Ourense. Desde que Xácome empezou a exercer o cargo, foi suprimindo canta actividade cultural existía sen ofertar nada a cambio. Xa non falamos só dos festivais de teatro que organiza Sarabela -a MOTI, o Festival Internacional de Teatro e a Miteu- senón tamén festivais de música como Pórtico do Paraíso ou En clave de cámara, de danza como Corpo(a)terra, o de cine, OUFF, ou mesmo a Banda Municipal. A súa acción de desmantelamento tamén alcanza a programación regular: saíuse por exemplo do convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais, o cal significa unha perda de fondos para a cidade”. 

Con este panorama, a MOTI sae adiante "cunha edición pequeniña pero de moita calidade. Hai cousas que se salvan e outras moitas que se perden. O tempo que se poida aguantar nesta situación, non o sei dicir. É moito desgaste: despois de tantos anos de percorrido, estamos igual que cando empezamos, con mostras de formato pequeno e coidando a calidade".

Despois da manifestación do pasado novembro, na que máis setenta colectivos da cidade se mobilizaron para alertar contra a “emerxencia cultural” que vive Ourense, Xácome cambiou a súa actitude e decidiu non apoiar ningún destes eventos

Represalias tras a manifestación

O sector cultural da cidade, porén, insistiu no seu obxectivo de manter as relacións institucionais. O ano pasado, conseguiu que o alcalde mantivese unha pequena axuda para a MOTI e a Miteu, “e este ano estabamos en vías de negociación para que o Concello pagase, polo menos, algunhas das representacións destes festivais”, relata Dacosta. 

Non obstante, despois da manifestación do pasado novembro, na que máis setenta colectivos da cidade se mobilizaron para alertar contra a “emerxencia cultural” que vive Ourense, Xácome cambiou a súa actitude e decidiu non apoiar ningún destes eventos. “Creo que é unha represalia directa por facer unha crítica nun Estado que se considera democrático”, apostila Dacosta. 

A partir de aí, Xácome comezou a verter graves acusacións sobre Dacosta a través das redes sociais de Democracia Ourensá, o seu partido, sen presentar probas que as avaliasen. “El sabe perfectamente as cifras que manexamos, por tanto, mente deliberadamente amparándose nas siglas do seu partido. Por sorte, houbo unha resposta de apoio enorme que fixo que pasase da consternación polo inxusto da situación á emoción por esas réplicas de compañeiras e da cidadanía de Ourense en xeral”. Dacosta refírese á defensa que recibiu tanto por parte de personalidades do mundo da cultura como de asociacións e colectivos culturais como a Asociación de Actores e Actrices da Galiza ou a Academia Galega de Teatro, entre outras. 

Ausencia dun programa cultural

A falta dun programa cultural digno de tal nome é un dos puntos fundamentais no que se centran as críticas a Xácome. “Cando elaboras un plan de cultura -e máis cando se trata dun público tan sensíbel como o que forman as cativas e cativos, no caso da MOTI- buscas unha aprendizaxe, un discurso, unha transformación que deixe unha serie de valores como a defensa da diversidade, dos dereitos das mulleres ou da tolerancia. Hai síntomas lamentábeis na nosa sociedade de que regresan a xenofobia e os discursos de odio, e a cultura tamén ten que valer para reflexionar sobre estas situacións. A cambio, o que se nos ofrece é unha programación ‘televisiva’, de puro entretemento, que non propicia o pensamento crítico. Eu, agora mesmo, xa me atrevo a contestar a ese argumento que di que a ultradereita non ten presenza institucional na Galiza: o que se está a vivir no Concello de Ourense é o máis semellante que hai a un Goberno da ultradereita”.

Sete espectáculos e nove representacións

A MOTI arrincou onte co espectáculo Semente. O home que plantaba árbores, da compañía Emedous e o concerto de A Gramola Gominola As que máis molan da Gramola Gominola

Hoxe, no Teatro Principal, representarase o espectáculo Nina Ninette, da compañía de danza Traspediante. E o Edificio de Ferro do campus acolle o espectáculo do Mago Teto Alquimia. Mañá, no Teatro Principal, poderá verse o espectáculo Quixote, da compañía Pedras de Cartón; e no Edificio de Ferro do campus, O Tesouro, de Trécola Teatro. 

A mostra volve o día 2 de xaneiro coa estrea no Teatro Principal da obra Bruxa descoidada, bruxa chamuscada!, da Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto. 

Ademais, a programación inclúe accións teatrais promocionais de Lacotre Producións.

Comentarios