A un mes exacto de que comece a súa 38ª edición, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentaba esta terza feira o programa de eventos que terá lugar entre os días 1 e 10 de xullo na vila.
A rolda de prensa realizábase no auditorio municipal, inaugurado no ano 2001, "un exemplo de como a cultura do teatro influíu na veciñanza, que foi das poucas que nos anos 90 se manifestaron para demandar estas instalacións", destacaba a directora artística da Mostra, María Armesto, en conversa con Nós Diario.
Como referencia histórica, Armesto tamén resaltaba o perfil da xente de Cangas, "unha vila con moita tradición festeira, ligada ao Entroido e ás comparsas", para a creación no ano 1984 da Mostra de Teatro da localidade. Ese evento, fundado pola Asociación Cultural Xiria, é "a día de hoxe unha das máis importantes manifestacións galegas, estatais e internacionais de espectáculos vivos que teñen o humor por bandeira", aseveran desde a organización.
Para esta edición, a Mostra ten programadas un total de 42 actividades: sete delas son teatro que se representará no auditorio municipal, once son espectáculos de rúa, tres obradoiros, oito charlas e coloquios, cinco espectáculos alternativos e oito eventos que abranguen desde a entrega do Premio Mulleres en Acción até unha exposición documental e homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, antigo alcalde da localidade e un dos "grandes impulsores do tecido cultural cangués", sinalaba Armesto.
Chiscadela a Portugal
Máis da metade dos espectáculos da Mostra pertencen a compañías galegas, "mais tamén destacamos outros traballos a nivel estatal e o que podemos de internacional". Este ano, no ámbito de internacional, "facemos unha especial chiscadela a Portugal e traemos representacións como A contenta dos labradores de Caldelas ou entremés sobre a pesca do río Miño, unha coprodución da Compañía de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego, ou a recuperación do Teatragal 25 anos despois, uns encontros que buscan retomar ese espazo en común entre os dous territorios e crear un diálogo e reflexión sobre a creación escénica neste tempo", explica a directora artística da Mostra.
Con respecto ao resto das propostas, Armesto comenta que non é posíbel poder "escoller só unhas poucas, porque sería unha ofensa aos outros espectáculos que tamén son moi bos e teñen algo que destacar". Malia isto, a directora artística destaca "o papel da mocidade galega, que fai un teatro moi diferente e temos varias compañías na rúa moi interesantes". Armesto pon como exemplo a Compañía Parajito, que estreará o sábado 3 de xullo nos Xardíns do Señal a obra de Natalia Outeiro, Isolada, un espectáculo que mestura a esencia dos pallasos coa risa e a poesía. A directora tamén menciona Diáspora Teatro, quen representará, os días 4 e 6 de xullo no Adro da Capela do Hospital cangués, o espectáculo Victoria, unha produción de teatro de animación con pequenos bonecos e obxectos que "representan secretas situacións teatrais que son apreciadas só por unha persoa". Por último, Armesto destaca Assircopatas, que realizarán durante varios días na vila canguesa o seu espectáculo circense con malabares, acordeón e equilibrios.
Isto con respecto aos espectáculos de rúa, porque "se lle dá moita atención ao teatro en sala, pero o de rúa é un gran dinamizador das artes escénicas, achegando alegría ás vilas de todo o país", sinala Armesto.
Varios Premios Max das artes escénicas
"Hai un espectáculo que xa quixemos traer o ano pasado e que resulta moi gratificante que vaia representarse na Mostra". Armesto refírese a Al otro lado, unha produción da compañía de Euskadi, Zanguango Teatro. Esta conta cun Premio Max das Artes Escénicas (outorgados pola Sociedade Xeral de Autores e Editores e a Academia das Artes Escénicas de España), ao mellor espectáculo de rúa en 2020.
Outra compañía que tamén conta cun Premio Max, neste caso a mellor espectáculo revelación en 2020, é Las Niñas de Cádiz, que representarán El viento es salvaje, "unha relectura do mito de Fedra e Medea nunha chave cómica pero tratando moi ben dramaticamente o que son os mitos", explica a directora.
"Estes exemplos quedan curtos porque tamén habería que destacar outros actos como a proposta de Miss Beige, Secretos de Alboca, ou a peza sobre Xela Arias, Vencerse é cousa de se tratar de Fernando Abreu". Unha Mostra "que conta cun grande ambiente artístico que enche a vila durante eses días", conclúe.