A Mostra de Teatro de Cangas arrinca coa estrea de 'Las Cervantas'

A 33ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas bota a andar esta sexta coa preestrea de 'Las Cervantas', o espectáculo conmemorativo do Ano Cervantes. 

mostracangas
photo_camera Presentación da Mostra de Cangas

A actriz e directora Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro, será a encargada do pregón inaugural da 33ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que se desenvolverá do 1 ao 9 de xullo en diferentes espazos da capital do Morrazo. A carteleira arrancará a mesma sexta feira coa preestrea mundial do espectáculo ‘Las Cervantas’, que lle foi encargado pola Biblioteca Nacional de España á escritora e narradora Inma Chacón co gallo da conmemoración do Ano Cervantes.

A organización da mostra detallou hoxe no Salón Teatro de Santiago a programación e as novidades desta 33ª edición, entre as que destacan o programa de actividades paralelas, no que a presenza feminina nas artes escénicas é un dos eixos principais a través das XVI Xornadas Mulleres en Acción, no marco do que este ano se premiará, ademais, á directora e actriz Mabel Lozano. Tamén entre as accións complementarias, o actor, director e dramaturgo Andrés Lima regresará a Cangas para impartir o seu obradoiro de interpretación, para o que xa se esgotaron as prazas.

Poderemos ver dous espectáculos galegos:  ‘El cuello de la jirafa’, de Matarile Teatro, e ‘Eroski Paraíso’, de Chévere

En canto ao programa de espectáculos, o Auditorio Municipal acollerá o día 1 a representación de ‘Las Cervantas’, previa á súa estrea oficial no Festival de Teatro Clásico de Almagro. Esta peza narra a vida das mulleres máis relevantes na traxectoria do autor de ‘El Quijote’, e no seu elenco destacan as irmás Gracia e Sole Olayo, anteriormente coñecidas como ‘Las Veneno’ e moi vinculadas á Mostra pola súa presenza en edicións anteriores.
 
A compañía Teatro del Barrio representará o sábado 2 ‘El Rey’, escrita e dirixida por Alberto San Juan e interpretada por actores do talle de Luís Bermejo, Guillermo Toledo e Javier Gutiérrez. O domingo 3 representarase por vez primeira en Galiza ‘Princesas del Pacífico’, obra de Alicia Rodríguez e Belén Ponce de León producida pola compañía andaluza La Estampida.

A Mostra tamén trae a Galiza os espectáculos ‘Tête de Pioche’, unha montaxe da compañía francesa Heyaka Theatre baseada no universo clown e no humor burlesco, e ‘Interrupted’, unha divertida comedia da compañía Teatro en Vilo (Inglaterra-España) sobre como unha vida perfecta pode converterse nun inferno.

Entre a representación galega nesta carteleira sobresaen os espectáculos ‘El cuello de la jirafa’, que Matarile Teatro porá en escena o mércores 6 no Auditorio Municipal, e ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, compañía que será recoñecida co premio Xiria á súa traxectoria. A súa última produción poderá verse o sábado 9. 

Comentarios