A mostra 'Sons Improbábeis' une a música coas artes visuais

O Auditorio da Galiza inaugurou esta terza feira a mostra 'Sons improbábeis' coa participación de artistas da Galiza e internacionais.
Cartaz de Sons Improbábeis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cartaz de Sons Improbábeis. (Foto: Nós Diario)

A exposición Sons Improbábeis inaugurouse esta terza feira no Auditorio da Galiza, en Compostela, e poderá visitarse até o vindeiro 16 de outubro. A mostra, comisariada por Iñaki Martínez Antelo, analiza as diferentes dimensións do son dentro das artes visuais.

Ademais, trata de recoller diferentes experiencias da chamada "arte sonora", expresión cada vez máis presente dentro do traballo de artistas contemporáneas, ao tempo que busca tamén achegarse na investigación da presenza do son e do musical como parte integrante ou como tema de obras executadas desde a combinación de medios. 

Referentes dunha mostra anterior

Sons improbábeis segue, desde outra perspectiva, coa liña de traballo aberta coa exposición Mirar o son.

Notación gráfica na música contemporánea (Auditorio da Galiza, setembro-novembro 2020) de achegamento á linguaxe musical para un espazo tan senlleiro como o Auditorio  no que á relación entre música e artes visuais se refire.

Daquela, Mirar o son foi comisariada por Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo,

Na exposición recén inaugurada na capital galega móstranse traballos de artistas coñecidos como Xoán Anleo (Marín, 1960) escultor e artista audiovisual ademais de profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra ou dos lalinenses Misha Bies Golas e Benxamín Otero (Lalín, 1977 e 1979),

A mostra tamén conta con presenza internacional a través das obras de Gonzalo Elvira (Patagonia, Arxentina, 1971), Julia Llerena (Sevilla, 1985), Vítor Mejuto (Barcelona, 1969),  Luisa Pastor (Alacant, 1977) e a escocesa Susan Philipsz (Glasgow, 1965).

Comentarios