Unha mostra en Pontevedra explora as posibilidades pictóricas do material de refugallo

A mostra abre tamén unha liña de colaboración entre a facultade e esta asociación creada por ex alumnos e ex alumnas de Belas Artes, que levará a estudantes da facultade a defender neste espazo os seus traballos de fin de grao.
Unha das pezas presentes na exposición.
photo_camera Unha das pezas presentes na exposición.

Valéndose de materiais de refugallo atopados en diferentes puntos de Pontevedra, o estudante de Belas Artes Manuel Balsas explora a expansión da pintura máis aló dos límites e técnicas tradicionais do cadro na exposición Romper, pintar, atopar, andar, que se pode ver no local da asociación Kentada da cidade.

Co investigador predoutoral Carlos Fer como comisario, esta mostra abre tamén unha liña de colaboración entre a facultade e esta asociación creada por ex alumnos e ex alumnas de Belas Artes, que levará a estudantes da facultade a defender neste espazo os seus traballos de fin de grao (TFG). Ese é precisamente o caso de Balsas, que nesta xornada presentaba o TFG do que saíron as obras que conforman esta exposición. 

Na mostra preséntanse un conxunto de obras nas que a pintura se reinventa, "pasando de ser unha técnica confinada a un soporte bidimensional a un acto que involucra obxectos e contornas, desafiando as percepcións convencionais", segundo recolle o texto de presentación. Como explica este alumno, trátase do resultado dun proceso no que buscou afondar nas posibilidades da pintura como un medio para conectar unha serie de obxectos que buscaba que "funcionasen como cor ou como forma" e cos que observar "os diálogos que puidesen xurdir entre a materia e a pintura".

Resultado dun proceso no que buscou afondar en "como podía pintar sen pintura”, Balsas emprega nas súas obras unha serie de obxectos desbotados, o que lle serve tamén para “relacionar a pintura coa realidade material", explica, nun momento no que "vivimos nun mundo dixitalizado", o que, ao tempo, deriva nunha "reflexión sobre o consumo" na sociedade

Romper, pintar, atopar, andar verase complementada pola publicación dun pequeno catálogo, realizado no taller de risografía da facultade.

Comentarios