A exposición amosa obras de sete artistas en diferentes formatos

Unha mostra sobre memoria inaugura o novo local do Espazo Nemonon

O Espazo Nemonon estrea a súa nova sede cultural na Rúa Real de Pontevedra coa mostra titulada Memorium.
Antiga sede do Espazo Nemonon en Vila Pilar (Pontevedra).
photo_camera Antiga sede do Espazo Nemonon en Vila Pilar (Pontevedra).

O Espazo Nemonon estrea a súa nova sede cultural na Rúa Real de Pontevedra coa mostra titulada Memorium. Logo de terse trasladado de Vila Pilar, no Paseo das Palmeiras da cidade, no pasado mes de decembro após máis de dez anos de actividade, Nemonon continúa a acoller o seu estudo de arquitectura e, tal e como demostra a inauguración da nova exposición, seguirá a ser un espazo cultural.

Sete artistas integran a mostra que se poderá visitar no número 3 da Rúa Real pontevedresa até o 21 de xaneiro. Memorium, impulsada polo colectivo artístico Alcatrán, trata de reinterpretar a memoria a través da arte.

Paula Romero, Estela Regueiro e Ana Rodríguez, estudantes de último ano do Grao en Belas Artes na facultade de Pontevedra, creadoras do colectivo, apostan pola arte dunha maneira distinta, fuxindo do "academicista do museo" e propondo unha forma de exposición que "conecte con todo o mundo".

Diversidade de soportes

O novo local do Espazo Nemonon, aínda sen rematar de restaurar e en pleno casco histórico da cidade do Lérez, acolle desde esta semana a exposición Memorium, unha selección de obras  de Elio Salgueiro, Silvia Jiménez, Maruxa Alonso, Andrea San Miguel, Aroa Outón, Rebeca Lar e Carmen González. As pezas preséntanse en diferentes soportes, desde pintura até bordado, pasando pola fotografía, reflectindo a diversidade de propostas e técnicas coas que se pode abordar un mesmo tema: a memoria. 

A visión destas sete mozas e mozos ofrece un reflexo da sociedade actual e da loita entre o que somos e o que fomos, segundo as súas organizadoras e fundadoras de Alcatrán.

Comentarios