venres 03/12/21
NO CENTRO ABANCA DE COMPOSTELA

Mostra sobre Francisco Leiro previa ao documental

Non hai como a choiva en vacacións para levarnos a ver as exposicións pendentes. En Compostela, ademais das imprescindibles de José Suárez (remata esta semana) e Con Fío en Galicia, onte inaugurouse 'Traballos e os días de Francisco Leiro' no Centro Abanca. 

expo-leiro
Francisco Leiro (Cambados, 1957)

Esta mostra adéntrase na obra e no proceso creativo do artista de Cambados e amosa 12 pezas escultóricas de gran formato, cinco debuxos e unha sección que avanza un extracto do documental 'Sísifo Confuso', que dirixe Aser Álvarez. As obras pertencen ás coleccións de arte de Abanca e Afundación. 

Entre ellas poderemos gozar dalgunhas obras excepcionais como Muda o Cacho (1997) ou as catro Recolectoras (2003), como mostra da mellor produción en madeira do autor; pezas en gran formato que, máis aló da súa propia calidade técnica, alcanzaron un verdadeiro status simbólico, tanto na propia colección como na escultura galega contemporánea. Igualmente sobresaíntes son as obras o Fauno (2007) ou a Cabeza (1988). Esta última é un exemplo do seu traballo en granito, outro dos materiais fundamentais na produción de Francisco Leiro e máis propio da escultura pública. 

Xunto á serie de obras comentadas, a mostra complétase cun interesante material multimedia procedente do documental 'Sísifo Confuso'. Escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións, este filme é o resultado de tres anos documentando e filmando o día a día de Leiro nos espazos en que desenvolve o seu traballo e a súa vida: Cambados, Madrid e Nova York. Será unha oportunidade única de contemplar o traballo de Leiro desde un punto de vista totalmente persoal e íntimo, cousa non sinxela nun artista que mesmo detesta falar e teorizar sobre a súa obra e que nunca antes tiña deixado que un equipo de rodaxe presenciara o seu proceso creativo. 


 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Mostra sobre Francisco Leiro previa ao documental
comentarios