A mostra fotográfica e poética 'Nós somos Elas' instálase en Ames

O concello de Ames acolle a mostra itinerante "Nós somos Elas", promovida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. Unha exposición que logo de Ames viaxará aos concellos de Zas, Laxe e San Sadurniño.
c7479370b1cdffc3a6df6528a8a6014f_f38782
photo_camera David Santomil, Natividade González, Escarlata Pampín, María Muíño, Luísa Feijóo e Blas García. (Foto: Nós Diario)

O concello de Ames acolle a mostra itinerante "Nós somos Elas", promovida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. Unha exposición que logo de Ames viaxará aos concellos de Zas, Laxe e San Sadurniño.

“Nós somos Elas” recolle imaxes do Arquivo Vidal ás que acompañan textos de 24 poetas, entre elas: Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Emma Pedreira, Eva Veiga, Lucía Aldao, Marica Campo, María do Cebreiro ou Yolanda Castaño.

Coa mostra quérese pór “o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes”, explican desde a organización. 

Unha serie protagonizada por mulleres acompañadas dos seus fillos e das súas fillas, que constitúen os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, e pertencentes á colección permanente do Museo de Mar de Laxe.

Un arquivo composto por máis de 67.000 imaxes realizadas de finais do século XIX até finais do XX por José María Vidal e por seu pai, Plácido Vidal. Dous retratistas da vida cotiá de Laxe e da comarca, por cuxas cámaras pasaron todos os acontecementos sociais da época.

"Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae as mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas", sinalou na apertura a deputada, María Muíño.

 A exposición instalouse na praza da Maía, en Bertamiráns, e contou na inauguración, ademais de coa deputada Muíño, co alcalde e co tenente alcalde de Ames, Blas García e David Santomil, e coas concelleiras de Cultura, Natividade González, de Igualdade, Luísa Feijóo, e de Mocidade, Escarlata Pampín.

Comentarios