A Mostra de Curtas de Noia olla o teatro galego

Proxectará ‘Eroski Paraíso’ de Chévere e ‘Somos Criminais’ de Touriñán e Carlos Blanco.

somos criminais carlos blanco toutriñán
photo_camera 'Somos criminais'

A Mostra de Curtas Vila de Noia, que decorrerá do 22 de outubro ao 1 de novembro, vén de presentar a súa programación dedicada á Galiza. Así, o día 29 proxectará a longametraxe de Jorge Coira Eroski Paraíso, filme da obra teatral homónima de Chévere. Ao día seguinte poderase ver a gravación do espectáculo Somos Criminais, de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, un dos éxitos de billeteira do teatro galego que realizou unha proba, tamén con gran seguimento do público, de emisión por streaming con venda de entradas.

A Mostra colaborará ademais co proxecto da Academia Galega do Audiovisual Fiestra, que promove a utilización de audiovisual galego como ferramenta pedagóxica en Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Esta iniciativa pon a disposición dos centros de ensino “un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seus valores educativos e de calidade artística” acompañando cada obra dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas.

O seu obxectivo é buscar“dar resposta ás demandas dos docentes de Educación Primaria e Secundaria que queren empregar o audiovisual galego como ferramenta pedagóxica”, segundo explica a Academia no seu web. No caso noiés, utilizarase este catálogo para o programa do Culturcativa, un ciclo de proxeccións concibidas para o público infantil que poderán seguirse a través de internet.

Do 22 ao 26 de outubro proxectarase a sección oficial da Mostra, que inclúe curtas de Francia, Grecia, República Checa, Macedonia, Arxentina, México ou España. Na cuarta feira 28 haberá unha noite dedicada ao documental na que poderán verse Donde nos lleve el viento, de J. A. Moreno, a historia dunha muller embarazada que cruza o mar nun caiuco para chegar a Melilla; Nuestra vida como refugiados en Europa, de Silvia Venegas, que recolle os testemuños de nenos e nenas refuxiados que tras fuxir da guerra teñen que enfrontarse á burocracia ou o racismo, e El Monstruo Invisible, de Javier e Guillermo Fesser, a historia de dous nenos que traballan nun vertedoiro e viven nun campo de refuxiados.

O Premio Honorífico deste ano, que se entregará nunha gala o día 31, será para o actor Tristán Ulloa, “coñecido pola súa participación traballos como Lucía y el sexo, Abre los ojos ou, máis recentemente, na serie de TV Fariña, de Bambú Producciones, rodada principalmente en Noia”, subliña a organización nas redes sociais da Mostra.

Curtas do confinamento

Haberá tamén un espazo dedicado á Quarantine Shortfilm Selection, unha nova sección deste certame nacida para “impulsar e coñecer o quefacer artístico” realizado nos días de corentena da covid que pretende “dar visibilidade a todas as creacións artísticas” xurdidas nese contexto. Un xurado composto por X. A. Touriñán, Sonia Méndez, David Perdomo, David Amor, Pedro Brandariz e Federico Pérez realizou unha escolla entre as curtas inscritas, moitas delas galegas.

A Mostra de Curtametraxes de Noia é un evento promovido polo concello cun grupo de mozos da vila con inquedanzas no mundo audiovisual que se realiza xa desde hai 21 anos, tendo o Teatro Coliseo Noela como sede. Este ano, a organización recibiu máis de 1.000 traballos de directores e directoras interesados en participar. A mellor curtametraxe será premiada con 4.000 euros, a mellor dirección con 700 e o mellor guión con 500. As curtas con mellor actor e mellor actriz serán recoñecidas, así mesmo, con 500 euros cada unha.

Comentarios