Unha mostra celebra os 60 anos da creación da Fundación Penzol

A exposición pretende mostrar a identidade galega.
Fermín Penzol e a súa muller, Blanca Jiménez. (Foto: AELG)
photo_camera Fermín Penzol e a súa muller, Blanca Jiménez. (Foto: AELG)

A Fundación Penzol celebrará o aniversario da súa creación coa exposición "60 pezas para 60 anos. Fundación Penzol, 1963-2023". Conmemoran así o ano en que o bibliófilo e galeguista Fermín Fernández Penzol-Labandera fixo entrega á editorial Galaxia de 7.751 libros, 6.012 folletos e unha importante cantidade de documentos, revistas e manuscritos referentes á Galiza. A mostra contou co apoio do Concello de Vigo e poderá visitarse desde hoxe até o 21 de maio na Casa Galega da Cultura, en Vigo

A exposición presenta sesenta pezas, unha por cada ano de existencia da fundación, seleccionadas dos seus valiosos fondos das seccións de obxectos, carteis, cartografía da Galiza, libros manuscritos, fondos arquivísticos, libros impresos e publicacións periódicas. 

Para a escolla das pezas, o  comisario da mostra, Francisco Domínguez Martínez –que dirixiu a Fundación durante case doce anos–, coa axuda de Malós Cabrera Igrexas, Marián Vidal Fraile e Xosé Manuel Soutullo, seguiron diferentes criterios. 

Co foco na lingua galega

De entre os numerosos fondos dos que dispón a Fundación Penzol, o comisariado escolleu aqueles documentos e libros máis antigos, especialmente nos que destaca a presenza da lingua galega. 

A exposición tamén inclúe obxectos, fondos arquivísticos e libros que mostran a memoria da Galiza por medio da obra de destacados literatos, políticos, lingüistas e historiadores. Igualmente, poderanse observar periódicos e revistas tanto en galego como noutras linguas que teñan relación coa memoria da Galiza en todos os ámbitos. 

Finalmente, procuraron a presenza dalgunha peza dos diferentes fondos arquivísticos pertencentes a destacadas figuras da nosa cultura. 

Coa mostra, a Fundación Penzol pretende amosar ás persoas visitantes unha idea clara da súa "vocación de Biblioteca Nacional da Galiza, depositaria da memoria da nosa identidade, aberta a quen queira consultala". 

Comentarios