mércores 14/04/21

A mostra de Carvalho da Deputación da Coruña comeza a súa itinerancia

Logo de Ferrol o e A Coruña pasará a continuación por Carballo
Un panel da mostra. (Foto: Nós Diario)
Un panel da mostra. (Foto: Nós Diario)

A área de normalización lingüística da Deputación da Coruña é a responsábel dunha mostra arredor da figura de Carvalho Calero que acaba de chegar á Coruña. Foi inaugurada esta semana, o día 27 de xaneiro, na Mariña da cidade herculina.

Porén, xa pasou antes pola praza de Armas de Ferrol, a urbe natal do escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2020, e cuxas homenaxes apuntan a prolongarse durante 2021, malia a negativa da Real Academia Galega de estender oficialmente o recoñecemento, escollendo a final de 2020 a Xela Arias como a nova autora.

Esta decisión foi criticada pola pouca antelación coa que se daba a coñecer, especialmente de cara ao eido educativo, fundamental para a divulgación da obra da persoa escollida, así como o investigador ou o editorial.

A mostra está composta por 13 paneis que relatan a traxectoria vital e profesional de Ricardo Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado que deixou, tamén no ámbito da investigación, o amor e a difusión da nosa lingua. Poderase visitar até o día 15 de febreiro.

Unha exposición adiada

A exposición inaugurouse en Ferrol o pasado mes de decembro cun considerábel atraso, debido ao coronavirus, pois ideouse para que comezara no mes de maio en diversas cidades. Desta maneira, inicia agora a itinerancia que a levará despois da Coruña ao concello de Carballo.

"A figura Carvalho Calero tivo un ano accidentado para a conmemoración do seu Día das Letras Galegas, por iso consideramos que é convinte e oportuno que a mostra continúe en activo en especial cun formato coma este, pensado para o aire libre e para minimizar os riscos de contaxio da Covid-19", explicaba a deputada de normalización lingüística, María Muíño, en defensa do compromiso da Deputación da Coruña coa difusión da obra do autor.

comentarios