A Mostra de Cangas acolleu a presentación de dous novos capítulos do documental 'Memoria do teatro galego na transición'

A responsábel do CCG falou da Mostra de Teatro de Cangas como un exemplo de “boas prácticas".
Tito Asorey, Rosario Álvarez, Cristina Domínguez e Eduardo Alonso na presentación desta quinta feira, 5 de xullo.
photo_camera Tito Asorey, Rosario Álvarez, Cristina Domínguez e Eduardo Alonso na presentación desta quinta feira, 5 de xullo.

Onte presentouse en Cangas o segundo documental sobre a Memoria do teatro galego na transición. Iniciado en 2023 da man da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, este documental naceu para obter un rexistro audiovisual amplo dos participantes no nacemento do teatro profesional galego e os eventos da época. Os dous novos episodios que onte foron presentados incorporan o testemuño de máis de vinte protagonistas que abordan as artes escénicas nos primeiros gobernos autonómicos.

Ao acto asistiron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG; Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega do Teatro; e Tito Asorey, director dos documentais.

Rosario Álvarez explicou que para o órgano que preside “a cultura galega ten 360 graos”. Sobre a necesidade de contemplar o pasado histórico dixo que “cómpre restauralo para que nos dea tempo de pensar se se pode confeccionar un futuro mellor”.  O Consello da Cultura Galega foi creado para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Segundo Rosario Álvarez, somos un “pobo transterritorial, que non soamente afecta a Galiza e ao resto da Península Ibérica, senón tamén a todos os lugares do mundo onde chegaron os nosos paisanos en múltiples vagas diaspóricas. Polo tanto, somos de todos os continentes”.

O documental xurdiu para recoller un amplo rexistro audiovisual “en forma de testemuños e fondos documentados, avalados pola experiencia dos primeiros tempos do teatro profesional galego, e recollidos polos primeiros protagonistas que, afortunadamente, seguen vivos”, lembrou Álvarez.

Toda esta documentación, “ademais de darnos o seu coñecemento en vivo do que foron aqueles anos e os inicios da profesión, son un testemuño do contexto”, afirmou a presidenta do Consello, quen recalcou o interese neste proxecto porque “é necesario coñecer de onde vivimos para avaliar onde estamos e a onde queremos ir”.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, órgano que tamén o ano pasado celebrou o 40 aniversario, é consciente “de que non poderiamos existir se nas décadas precedentes non houbese un pulo social que puxo a cultura propia de xeito inequívoco como núcleo da idea nacional galega”. “Había que garantir que esa cultura ía ser defendida e ía ter continuidade”, dixo. Segundo Álvarez, as artes escénicas “non estarían na situación que están se non se creasen mostras como a de Cangas e a de Ribadavia na década dos 80 e se non houbese asociacións amadoras que fomentasen o teatro e posibilitasen encontros en forma de festivais”. Sobre este tema, destacou o caso de Xiria, a asociación que está detrás da Mostra de Teatro e que cumpriu 40 anos en 2022.

A responsábel do CCG falou da Mostra de Teatro de Cangas como un exemplo de “boas prácticas. Como a través dun impulso social se vai creando algo que nace de maneira moi humilde e que se converte en algo tan grande como este festival, que xa leva 41 anos”.

“Nós estamos comprometidos co feito de que a cultura é un dereito inalienábel. Que todos e todas temos dereito ao seu desfrute, como espectadores e degustadores, e tamén como creadores”, comentou Rosario Álvarez. “Temos dereito a crear cultura e nada nos pode negar ese dereito, nin a idade, nin o xénero, nin as capacidades intelectuais, nin as habilidades artísticas, nin a lingua, nin o territorio, nin ningún outro factor de discriminación”, engadiu. 

A presidenta do Consello quixo romper unha lanza a favor do teatro amador, “que é unha verdadeira escola de lingua, de cultura e de socialización, como querían os das Irmandades da Fala, os da Xeración Nós e os do Seminario de Estudios Galegos”. Rematou a súa intervención facendo un chamamento a todas as asociacións e colectivos “para que poñan o teatro nas súas e nas nosas vidas”.

Comentarios