O mosteiro de Albeos non ten quen o merque

No noso país hai un mosteiro románico á venda e non hai quen o merque, en ruínas e non hai quen lle poña freo ao deterioro.  O mosteiro de Albeos está á venda por 300.000 desde hai máis de un ano na máis singular das ofertas inmobiliarias. 

Albeos
photo_camera Albeos

O estado ruinoso do edificio provocou a alarma da Asociación O sorriso de Daniel  en xuño do pasado ano mais as silveiras continúan medrando entre elementos de arte románica. Nin na Consellaría de Cultura nin na Delegación de Pontevedra dan razón sobre o mosteiro de Albeos. En repetidas chamadas o desconcerto é a única resposta. Como explicación, aluden á condición de propiedade privada do inmóbel para explicar a desatención que as ruínas de Albeos provocan na administración pública.

O mosteiro leva máis de un ano á venda nun portal inmobiliario por 300.000 euros mais no concello de Crecente, ao que pertencen, responden que, até o momento, ninguén se interesou polo edificio. De se presentar algún comprador, o Concello tería que ter coñecemento a efectos de permisos e demais trámites administrativos. 

En xuño do pasado ano, a asociación O Sorriso de Daniel levantaba a voz de alerta sobre a lamentábel situación do edificio, despois dunha visita colectiva nunha das súas habituais xeiras. “Foi o horror que contemplamos en Albeos o que motivou esta carta que enviamos á Dirección Xeral de Patrimonio”, explicaban entón no seu blog no que incorporaban un conxunto de fotos desoladoras das ruínas do mosteiro. 

Na carta rexistrada na Xunta e dirixida ao entón director Xeral de Patrimonio, O Sorriso de Daniel comentaba a visita a San 

Paio de Albeos e o “abandono extremo” no que se atopaba o edificio polo que reclamaban unha inspección para valorar o grao de protección e estudar unha posíbel modificación. Solicitaban a intervención da Dirección Xeral para que o propietario, con medios propios ou ben co apoio institucional, “realice as intervencións que os técnicos recomenden para salvar os restos da súa desaparición absoluta”. Un ano despois, o mosteiro de San Paio de Albeos continúa a esmorecer sen que desde a Xunta tomen medidas e sen que no Concello teñan coñecemento de ningún movemento arredor deste edificio do patrimonio románico galego. 

Imaxes: O Sorriso de Daniel

 

Comentarios