O falecemento, onte, despois dunha longa enfermidade, do fotógrafo Manuel García Castro, "Magar", concitou un unánime sentimento de tristeza na cidade onde desenvolveu a súa carreira.
Fillo dun ferroviario, Magar naceu en Cidade Rodrigo (Salamanca) no ano 1935, mais chegou a Vigo á idade de cinco anos e desenvolveu nesta cidade unha intensa carreira como fotoxornalista no Faro de Vigo entre 1961 e a súa xubilación no ano 2000.
Facendo parte da redacción do Faro de Vigo de Álvaro Cunqueiro -co que percorreu tramo do Camiño de Santiago entre O Cebreiro e Compostela-, e máis tarde de Santaella, Landeira e Armesto, Magar chegou a converterse nun cronista da cidade que elaborou reportaxes tan lembradas como as que realizou durante as históricas manifestacións do metal da década de 1980 ou a do incendio nas Cíes do Polycommander, o 5 de maio de 1970, que cubriu desde unha pequena embarcación.
Despois do seu retiro, promoveu a Fundación Magar -para afondar na investigación sobre a acondroplasia- onde se conserva todo o seu arquivo: milleiros de negativos que foron escolmados para a exposición 40 anos en Blanco e Negro que se mostrou en 2002 na Casa das Artes de Vigo.
Entre os anos 2002 e 2007, Xerais editou tres volumes que inclúen máis de mil fotos do reportriro: Vigo por Magar. 40 anos en branco e negro; Vigo por Magar II. Instantáneas e retratos da vida viguesa (1960-2004) e Vigo por Magar III. Novas instantáneas e retratos da vida viguesa (1960-2007).
Declarado 'Vigués distinguido' en 1996, o fotógrafo tamén recibiu outros recoñecementos de prestixio como o Premio de Xornalismo Gráfico da Galiza (1986) ou o Premio Nacional Fotopress 87.