Morris volve ao teatro con “O Crédito”

Antonio Durán “Morris” e Pedro Alonso están xa a ensaiar “O Crédito”, a obra de Jordi Galcerán que chega ao galego despois de máis de doce meses en cartel en Barcelona e Madrid. 

O crédito
photo_camera O crédito

Con dúas estreas recentes no cine, A Esmorga de Ignacio Vilar e Os Fenómenos de Zarauza, o actor Antonio Durán “Morris” volve ao teatro con O Crédito, dirixida por Fernando Bernués e producida por Eme2 e Tanttaka. 

O Crédito estase a ensaiar no barrio vigués de Teis, a cidade do actor, e ten prevista a súa estrea o vindeiro 5 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra. A partir de aí comezará unha xira por distintas vilas e cidades para a que están previstas xa 25 representacións. 

A obra chega ao galego despois de máis de un ano de se manter con grande suceso de público en Madrid e Barcelona no que xa algún crítico definiu como “fenómeno de masas”. Morris canda Pedro Alonso representan unha historia que ten como escenario unha oficina bancaria na que se desenvolve o encontro entre o director da entidade e un cliente que solicita un crédito. O director, Morris, négalle a petición e o cliente, Pedro Alonso, emprega todas as ferramentas na súa man para conseguilo. 

Despois da estrea en Vigo, a obra viaxará a Arteixo, Compostela, Vigo, Viveiro, Lugo, Narón, Tui, Carballo, Vilagarcía, As Pontes, Oleiros, Ourense, Cangas e, pechando a xira a finais de abril, A Coruña. 

Comentarios