Morreu Victoria Canedo, directora do desaparecido Rey de Viana

“Personaxe controvertido, con moito carácter, pero que fixo moito pola danza deste país”, así a define Quique Peón, quen lamenta que a súa morte non tivera o eco que merecía. Finou onte segunda feira na Coruña. 

victoriacanedo
photo_camera victoriacanedo

Victoria Canedo (Santiago, 1924)  foi a última directora do Ballet Galego Rey de Viana, exercendo desde a morte do seu marido, José Manuel Rey de Viana, en 1995, até a desaparición desta agrupación, que foi finiquitada polo Goberno bipartito en 2005 para crear o Centro Coreográfico Galego. 

José Manuel Rey e Victoria Canedo crearon o Ballet en 1949, sendo en principio de natureza privada, para logo pertencer á Deputación da Coruña desde o ano 1971 até 1990, cando pasou a depender da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza. En todos 57 anos de historia, a compañía levou por escenarios de Europa e América unha mestura de baile clásico coas danzas tradicionais de Galiza. 

Quique Peón, un dos máis importantes coreógrafos galegos, lamenta o escaso eco da súa morte porque “xunto co seu marido foron os precursores da fusión da danza en Galiza. Aínda que nos últimos anos a súa proposta estaba desfasada e non evolucionou ao longo dos anos, era unha persoa que fixo un traballo de calidade que enchía prazas alá onde ía, dentro ou fóra de Galiza”. 

“Era unha muller moi tenaz. Moita xente dicía que era dictatorial, pero hai que pensar que con 80 anos dirixía unha compañía con moitos bailaríns, técnicos... E pelexar con todo iso é complexo e difícil”, concede Peón, quen considera que Canedo tivo un importante papel como mestra de baile, pero o coreógrafo era o seu marido. Desde a súa morte “ela mantivo o seu legado, pero non evolucionou”. 

Papel “controvertido”

O papel de Canedo e do Rey de Viana foi tamén “controvertido”, en opinión de Peón. “Ían de folclóricos, anunciaban danzas de tal século aínda que a súa proposta era fusión, entón moita xente do folclore estaba en contra desa forma de comunicar as cousas. Pero eles tiñan moito amor por Galiza, iso é innegable”. 

Hoxe en día o espírito do Rey de Viana mantense aceso na compañía Nova Galega de Danza: “Manteñen o mesmo xeito de facer as cousas, a súa linguaxe de danza é a que aprenderon en Rey de Viana, e o seu estilo é semellante”, apunta Peón.

Comentarios