Morreu Lou Reed (non o sintas, non lle caerías ben)

Lewis Allen Reed perde en todas e cada unha das categorías nas que teimamos en analizalo a raíz da súa morte, aos 71 anos: simpatía, fermosura, educación, glamour, empatía... Só gaña nunha: as cancións. E diso é do que se trata, non é?

Morreu Lou Reed aos 71 anos. Sen o son e as letras que pariu nos 60 con The Velvet Underground non existiría niso que os entendidos chaman a gran enciclopedia do rock os tomos adicados ao punk, rock alternativo, noise, música industrial, fuzz-rock, hard-rock etc... Probabelmente a el importaríalle unha figa todos e cada un deses movementos musicais e os seus respectivos grupos e artistas. Tanto coa VU coma en solitario deixou traballos demoledores. Tanto cando navegaba pola vangarda (o Banana cover da Velvet e Nico, Metal Machine Music, Berlin,...) como cando optaba por facer un pouco de simple e bo rock do de toda a vida (New York). Unha vintena de discos ás costas e case ningún prescindíbel. Bueno, quizás o de Lulú con Metallica. Iso si que foi duro dixerilo.

Tiña fama de borde, de arisco. Érao, si, mais el víao doutro xeito: “simplemente, non lambo cus”. Coa idade, iso si, fíxose máis accesíbel. Hai xornalistas que sinalan que incluso chegou a dar as boas noites antes de comezar un concerto, mais seguramente sexa unha lenda urbana. En Compostela actuou en dúas ocasións. Hai quen di que desde logo non foron os seus mellores concertos e hai quen di que desde logo levitou escoitándoo. En ningunha das versións aclaran se deu as boas noites ou non.

Ruído, ruído, ruído

Sen Reed non habería o ruído, por dicilo así, 'suxo' no rock. Habería, si, o ruído 'limpo', ese onde habitan os riffs e punteos claros, compactos e 'entendíbeis'. Cos que podes mover a cabeza ao compás. Mais foi Lou Reed o que xogou coa distorsión, co son que doe nos ouvidos como unha otite, co 'white light'. Cando apretas os dentes e pechas os ollos porque molesta. Ese. Mais tamén foi moito máis, claro: sons limpos, riffs limpos, letras inmensas (tanto no lado salvaxe como no outro), gañas de probar e experimentar, temas para se 'relaxar', aloumiños ao blues,...

É unha pena que morrese, a verdade.

Comentarios