Morreu Acuña Castroviejo, primeiro catedrático de Arqueoloxía de Galiza

Esta mañá finaba Fernando Acuña Castroviejo, o primeiro catedrático de Arqueoloxía que tivo este país. Un mestre de mestres e un "galeguista convencido", segundo Justo Beramendi. 

REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES



FERNANDO ACUÑA CASTROVIEJO
photo_camera Fernando Acuña Castroviejo [Foto: Xurxo Lobato]

A capela ardente instalouse no Tanatorio do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O funeral e posterior sepelio serán mañá cuarta feira ás 12h00 en San Andrés de Trobe, Vedra.

Fernando Acuña Castroviejo (Santiago de Compostela, 1945) foi o primeiro catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Comezou na sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, co grupo de Bouza Brey, e foi tamén correspondente da Real Academia Galega. Tamén foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes e vicepresidente, ademais de formar parte do seu grupo fundador, do Museo do Pobo Galega. 

Justo Beramendi: “Sempre foi unha persoa que estivo dedicada ao país, desde moi novo, cando foi discípulo de Bouza Brey no Padre Sarmiento”

Os seus traballos centráronse na arqueoloxía romana, destacando especialmente as súas investigacións sobre mosaicos, esculturas, epigrafía e numismática. Ten publicado os ensaios ‘Arredor da arqueoloxía’ (USC, 2002), e ‘Mosaicos romanos de Hispania citerior: Conventus Lucensis’ (1974), ademais de moitas outras obras colectivas. 

O presidente do Padroado do Museo do Pobo, Justo Beramendi, destaca del que “sempre foi unha persoa que estivo dedicada ao país, desde moi novo, cando foi discípulo de Bouza Brey no Padre Sarmiento”. Logo, formou parte, xunto con el, do “grupo que fundou e construíu o Museo do Pobo”.

Justo Beramendi: “Estivo toda a vida traballando e foi un galeguista convencido”

“Foi un mestre de mestres”, afirma Beramendi. “Fixo un labor de crear unha escola que logo desgrazadamente imos ver o que pasa con ela, con tantas reduccións na Universidade”. 

“Estivo toda a vida traballando e foi un galeguista convencido”, remata o seu compañeiro no Museo do Pobo, sen esquecer o Acuña Castroviejo máis humano: “Foi unha excelente persoa e un grande amigo”. 

Comentarios