Pai do Novo Xornalismo

Morre o escritor Tom Wolfe aos 87 anos

Detrás da súa mítica figura -traxe branco, garavata rechamante e chapeu de ala-, agochábase unha das voces xornalísticas máis agudas, por veces conservadora, atenta ao novo e irónica da literatura estadounidense. Tom Wolfe morreu esta segunda feira en Nova York. Tiña 87 anos.
 

tom wolfe
photo_camera O escritor e xornalista Tom Wolfe. Foto: MoSchle

O Novo Xornalismo, do que foi mascarón de proa canda sinaturas como Norman Mailer, Gay Talese ou Truman Capote, introduciu técnicas e fómulas literarias na prensa e en libros dedicados a contextualizar e relatar a realidade. Wolfe bordouno en The Electric Kool-Aid Acid Test -sobre a contracultura californiana dos sesenta-, Radical Chic & Mau-Mauing the Flak Catchers -arredor da esquerda caviar- ou The Right Stuff -sobre os pilotos de foguetes, este último volume levado ao cinema nun filme estreado no estado co título de Elegidos para la gloria.

Mais a viaxe entre o xornalismo e a literatura era de ida e volta. Xa moi avanzada a súa carreira, e convertido nunha sinatura de prestixio e referencia na prensa estadounidense, debutou no mundo da novela. Como un Balzac da Nova York iupi, a súa Fogueira das vaidades  (The bonfire of the vanities, 1987), situouno en primeira liña das letras de ficción. Unha ficción que non era allea ás técnicas xornalísticas.

Tres obras literarias máis completaron a súa bibliografía, xa nos noventa e no século en curso: A man in full (1998), I am Charlotte Simmons (2004) e Back to Blood (2012).

Comentarios