Morre Tom Petty, o autor de 'American Girl'

Tom Petty percorreu o camiño que vai do pop enerxético dos seus inicios ao rock arraizado na gran tradición norteamericana en apenas dez anos. Da mesma estirpe que John Cougar Mellencamp ou Bruce Springsteen, herdeiros de Dylan que non puideron ignorar o punk, Petty morreu onte aos 66 anos nun hospital de Santa Mónica, California, logo de sufrir un infarto.
 

SONY DSC
photo_camera O músico estadounidense Tom Petty en 2010. Foto: cedida

A súa carreira arrincara en 1976, co elepé homónimo a cargo de Tom Petty & the Heartbreakers que contén American Girl. Esta pílula power pop é unha das tres cancións que o intelectual estadounidense Greil Marcus, gran intérprete crítico das músicas ianquis, nunca cansa de escoitar. Marcado pola new wave, Petty situouse nos setenta en zonas análogas ás do primeiro Elvis Costello. Pero non se detivo aí.

A música dos Heartbreakers foi adquirindo espesor folk. E en 1986 as pezas empezaron a encaixar: o mesmo Bob Dylan convidounos a abrir os concertos da súa xira True Confessions, entre os discos Empire Burlesque (1985) e Knocked Out Loaded (1986). Dous anos máis tarde, Tom Petty foi un dos cinco xigantes que formaron The Traveling Wilburys canda o propio Dylan, George Harrison, Jeff Lynne e Roy Orbison. Gravaron dous traballos.

Artista de madureza que saiu máis ou menos indemne da década dos oitenta, rexistrou tres discos en solitario. No inesperado tramo final da súa carreira recuperou Mudcrutch, a súa primeira banda -activa entre 1970 e 1975-, e facturaron unha parella de elepés, o último o pasado ano. Tom Petty, aquel home marcado como tantos outros músicos estadounidenses pola aparición de Elvis Presley na televisión, deixa 16 discos acompañado dos Heartbreakers ou ao seu nome.

Comentarios