“A Asociación Internacional de Estudos Galegos expresa o seu fondo pesar polo pasamento da profesora María del Rosario Suárez Albán”, di un comunicado, “queremos recoñecer a súa tarefa académica e a dinamización dos estudos culturais galegos no Brasil”. A asociación tamén lembra a homenaxe que, en 2015, lle rendeu a súa universidade. Celebraban os 40 anos da creación do primeiro Centro de Estudos Galegos na Bahia, antecesor do que a propia Albán puxo en marcha dúas décadas despois.
As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe (1998), Os galegos baianos em Salvador (1998), A inmigración galega na Bahía (1989) ou A presença do Galego na Bahia (1989).
Galega de nación, graduada en letras vernáculas e mestre en portugués pola Universidade da Bahia -da que foi docente xa desde 1974-, a Asociación Internacional de Estudos Galegos salienta ademais “a súa dedicación constante ao fomento da Galiza no Brasil a partir tanto da actividade universitaria como da colaboración con institucións da colectividade galega”. “Desexamos que todo o seu esforzo teña continuidade polo ben da cultura e da lingua de Galiza”, conclúe.