NA SÚA MINNEAPOLIS NATAL

Morre Prince aos 57 anos

Cambiou de nome pero nunca puido deixar de ser un príncipe. Hoxe morreu, en circunstancias aínda descoñecidas, no seu estudo de Minneapolis. Ofreceu un único concerto memorable na Coruña en 1990 mentres en Vigo facía o propio Madonna. Era o tempo das vacas gordas. 

Prince_at_Coachella
photo_camera Prince no festival Coachella [CC: Penner]

Aínda que bastante desaparecido da esfera pública nos últimos, foi un dos cantores da música popular máis influintes da década dos 80 e unha icona pop para varias xeracións de xente nova. Cantor, autor, multiinstrumentista e performer, deixou varios temas para a historia, como Kiss, Little Red Corvette, Purple Rain ou When Doves Cry

Prince Rogers Nelson, que así se chamaba, morreu en circunstancias que aínda se descoñecen, pero cancelara a comezos deste mes algúns concertos. A semana pasada tamén estivo hospitalizado algúns días. 

Nado en Minneapolis en 1958, comezou no mundo da música a finais dos 70 pero non triunfa até os 80 cunha das cancións máis coñecidas da historia, 'Purple rain', que editou en 1984 e que o levou tamén ao cinema, acadando un Oscar á mellor banda sonora orixinal ao ano seguinte. Editou 39 álbums ao longo da súa vida, dous deles en 2015 (HITNRUN Phase One e Two). Acadou sete Grammys. 

En 1990 na Coruña

Só estivo en Galiza nunha ocasión (poden ver un anaco do concerto no arquivo web da TVG). Foi o 29 de xullo de 1990 nun auditorio do máis sorprendente: o campo de fútbol do colexio Santa María del Mar dos xesuítas da Coruña, por mor das malas relacións entre o Concello e o Deportivo. Aquel día, Galiza dividiuse en dous: os que ían (ou quererían) ver a Prince, e os que foron ver a Madonna, que estaba exactamente a mesma noite en Vigo, con camisola do Celta e bandeira local incluída. 

Comentarios