domingo 12.07.2020
Coruñés, tiña 87 anos

Morre o pintor Abelenda, entre o cubismo e o fauvismo

Había na pintura de Alfonso Abelenda un algo de inocencia. Entre a ollada fauvista e o cubismo, sempre figurativo, a súa extensa carreira artística rematou a pasada semana ao non superar unha infección derivada dunha intervención quirúrxica. Nacera na Coruña en 1931.
 

Detalle de 'Homenaxe ao touro de Lecumberri', óleo de Abelenda da colección da Fundacón Abanca. Imaxe: cedida.
Detalle de 'Homenaxe ao touro de Lecumberri', óleo de Abelenda da colección da Fundacón Abanca. Imaxe: cedida.

De feito a súa cidade natal está presente en non poucos dos seus lenzos. Formado en arquitectura, antes coñecera as tendencias modernas da arte da man do poeta coruñés Miguel González Garcés. Despois foi o arquitecto Andrés Fernández Albalat quen o apoiou nos inicios da súa traxectoria.

alfonso abelenda

Abelenda non só obtivo sona pola súa pintura. Como humorista gráfico publicou na mítica revista La Codorniz, en Semana, no diario Ya ou, na súa última etapa, en La Opinión da Coruña. Ao tempo, logo da súa primeira mostra individual na Coruña en 1954, as exposicións sucedíanse: en Bos Aires, en Caracas, en México. Até 1999, en que o Quiosco Alfonso da Coruña acolleu unha gran retrospectiva do pintor. A principios daquela década instalarase de novo na urbe atlántica.

En 2005, a Real Academia Galega de Belas Artes acolleuno como membro numerario. A poeta Ánxeles Penas dedicou varios ensaios aos seus cadros.

Nota: O pintor Alfonso Abelenda, nunha imaxe do programa Eirado da TVG.

comentarios