O pianista de r&b Fats Domino tiña 89 anos

Morre o penúltimo pioneiro do rock & roll

A tese de que o rock & roll é, en última instancia, unha música de orixe afroamericana tiña en Fats Domino unha proba evidente. Onte morreu, aos 89 anos, en Harvey, Luisiana, onde residía desde que en 2005 abandonara Nova Orleáns. O furacán Katrina devastara a cidade cuxos ritmos Domino introducira na receita orixinal do son que, nos anos 50, mudou para sempre o século XX. Apenas, de entre os pioneiros do rock & roll, sobrevive Jerry Lee Lewis.
 

fats domino
photo_camera O pianista Fats Domino. Foto: cedida

Nas cancións de Fats Domino, pianista de orixe rhythm and blues, ecoa a singular e crioula tradición musical de Nova Orleans. Foron cancións como Ain't that a shame -que versionarían John Lennon ou Cheap Trick na década dos 70- ou The Fat Man -en que se ri da súa propia complexión física- as que achegaron o elemento caribeño, cruzado con blues, á aleacción primaria do rock & roll. Paul McCartney inspirouse na súa obra para escribir, nos Beatles, Lady Madonna. Mesmo a quinta punk presentoulle os seus respectos: Richard Hell & the Voidoids gravaron I Lived My Life e Jah Wobble, baixista de P.I.L., Blueberry Hill.

A partir dos anos 70, Fats Domino dedicouse maiormente ao circuíto de vellas glorias. Recibiu recoñecementos oficiais, como a Medalla Nacional das Artes de man de Bill Clinton. O vello e salvaxe rock & roll -aínda que Domino respresentou unha face menos agresiva que, por caso, outro pianista como Little Richard- entraba na institución. Xa se convertera nun monumento vivo. Na teleserie Treme (2012), creada por David Simon para tratar sobre os efectos do Katrina na cultura de Nova Orleans, interpretouse a si mesmo.   

Con Fats Domino desaparece un dos últimos elos que conectaban a actualidade co rebumbio orixinario do rock & roll.

Comentarios