Morre Francisco Porrúa, o galego que editou Gabo e Cortázar

Editou Cien años de soledad e Rayuela e xa só con iso tería acadado un lugar destacado no mundo da edición mundial. Nacido en Corcubión en 1922 morreu en Barcelona este 18 de decembro

Francisco Porrúa
photo_camera Francisco Porrúa

O tradutor e editor Francisco Porrúa pasará á historia literaria, fundamentalmente, por ter publicado dous dos libros narrativos fundamentais do século XX, Cien años de soledad de García Márquez e Rayuela de Julio Cortázar mais do seu papel na promoción da literatura nace tamén Edicións Minotauro un selo de referencia na literatura latinoamerica e no que se converteu no primeiro editor en español de autores como Tolkien. 

Malia ese recoñecemento vinculado a grandes nomes do coñecido como boom latinoamericano, Porrúa tiña claro o que, para el, era o oficio do editor, como sinalou nunha entrevista de Camilo Franco publicada pola Xunta no libro Julio Cortázar/ Aurora Bernárdez, Un (re)encontro con Galicia no ano 2006. “O meu traballo como editor non era tanto nese sentido de buscar escritores como de editar obras que a min me parecía que tiñan que estar publicadas, que os lectores deberan ter a posibilidade de lelas”, dicía entón Porrúa.  A Cortazar o editor galego publicáralle boa parte da súa obra, nunha conexión singular que el mesmo recoñecía na entrevista.

Cos máis vendidos sen ser comercial

Editor de grande suceso, naquel entón manifestábase como protagonista da publicación dos dous libros máis vendidos en español, Cien años de soledad e a tradución de El señor de los anillos. “Nunca fun un editor comercial. Nunca tiven ese tipo de perspectiva por mais que, tendo en conta os resultados, a xente poida pensar que si”, anotaba. 

Nacido en Corcubión a familia de Francisco Porrúa trasladouse á Patagonia Arxentina cando apenas tiña ano e medio. En 1955 con pouco máis de trinta anos , funda Ediciones Minotaurio co obxectivo, entre outros,  de publicar literatura de ciencia ficción. Tres anos despois, entrou a traballar como asesor de Sudamericana, selo desde o que animou a carreira literaria de Cortázar e no que publicou, entre outros, a súa recoñecida Rayuela e tamén unha das obras con máis influencia na literatura latinoamericana, Cien años de soledad de García Márquez. Autores como Manuel Puig ou Alejandra Pizarnik viron libros publicados da man de Porrúa. 

Ediciones Minotauro foi vendida en 2001 a Editorial Planeta e dous anos despois recibiu o recoñecemento ao Mérito Editorial na Feira Internacional do Libro de Guadalajara.

Comentarios