TEÓLOGO, HISTORIADOR E NOME CLAVE DO NACIONALISMO GALEGO, FIXO PARTE DO GRUPO PROMOTOR DE SERMOS GALIZA

Morre Francisco Carballo, unha figura central na cultura galega

Teólogo. Historiador. Referente indiscutíbel do nacionalismo galego. Incansábel promotor de iniciativas culturais, entre elas Sermos Galiza, acaba de falecer en Salamanca Francisco Carballo.

Carballo SG
photo_camera Carballo, á dereita durante a presentación do proxecto Sermos en Ourense

Francisco Carballo, nado en Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925, deixa unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía.

Estudou Teoloxía e Historia en Madrid en 1951. Clérigo de enorme alento intelectual, ocupou cargos moi relevantes no maxisterio da Igrexa no Estado español, en concreto na súa condición de membro da congregación de San Vicente de Paulo. En 1973 volta a Galiza para impartir aulas na Escola Universitaria de Maxisterio. Envólvese ben axiña no impulso de iniciativas culturais no ámbito do nacionalismo galego e así en 1977 aparece como promotor da nova etapa de A Nosa Terra. Foi presidente varios anos do consello de administración desta cabeceira histórica do xornalismo galego.

Coherente con esta traxectoria, 35 anos despois, Carballo volta a facer parte dun grupo promotor no nacimento dun novo meio de comunicación galego, Sermos Galiza.

Boa proba do seu compromiso coa causa do nacionalismo é que Carballo integrou listas eleitorais do BNPG (1977) e BNG (1982).

Deixa millenta obra escrita, de teoloxía (A Igrexa Galega, 1995, A Nosa Terra), política (Alexandre Bóveda, 1999, A Nosa Terra) e historia (Historia de Galiza, 1979, Frente Cultural da ANPG; Castelao contra manipulación. 1984, Xistral). En 2002, Carballo aprofunda no seu pensamento no libro Conversas con Francisco Carballo, da autoría de Santiago Prol e Xan Carballa.

Os seus restos mortais serán soterrados en Salamanca, no hospital dependente da súa congregación relixiosa decorreu o último tramo da súa vida, a vindeira segunda feira.

As imaxes 2 e 3 son do arquivo de Xan Carballa. A fotografía en branco e negro corresponde á súa intervención no 25 de Xullo de 1981. A foto en cor é dun acto en que coincidiu con Xosé Chao Rego.

A imaxe da capa está tirada de IrmandadeTV

Comentarios