Morre Fernández Ackermann, o fotógrafo que participou no secuestro do Santa María

Fillo do exilio galego, lenda herdeira do secuestro do Santa María, Federico Fernández Ackermann finou esta semana en Venezuela, onde era recoñecido como un dos seus principais fotógrafos. 

Federico Fernández Ackermann
photo_camera Federico Fernández Ackermann

Federico Fernández Ackermann era un dos seis fillos do comandante Soutomaior,  protagonista do célebre secuestro do Santa María polo DRIL e autor dun libro memorialístico relatando un dos episodios máis sonados contra as ditaduras franquista e salazarista. Canda seu pai, Federico Fernández partillou tamén na acción que quería denunciar as diatduras de España e Portugal. O seu nome é un dos máis recoñecidos do mundo da fotografía en Venezuela, onde acadou en 1995 o Premio Nacional de Fotografía. 

A súa biografía ten tamén no compromiso e na militancia na esquerda un dos seus eixos fundamentais desde o seu nacemento no exilio francés e o exilio no que viviría toda a súa biografía. Así, Fernández foi partícipe en 1963 da toma do mercante Anzoátegui, contra o goberno de Betncourt polo que foi detido e preso durante tres anos. 

Fernández Ackermann foi un dos protagonistas do filme "Santa Liberdade" de Margarita Ledo canda Vítor Velo, fillo de Pepe Velo e Camilo Mortagua, a man dereita de Galvão. 

No comezo dos anos setenta iniciouse na fotografía e comezou unha traxectoria que o levarían a se convertir nun dos máis relevantes fotógrafos latinoamericanos e ser testemuña gráfica, entre outros, da Nicaragua sandinista. A súa obra foi mostrada na Galiza, onde buscou as súas orixes, da man, entre outros, de Xurxo Martiz, amigo e biógrafo do que publicamos un artigo de lembranza. A pasada segunda feira, os seus restos foron incinerados no Cemiterio do Este, en La Guairita, Caracas.

Comentarios