Morre Eduardo Galeano en Montevideo

En Montevideo, con 74 anos, faleceu esta segunda feira o escritor e xornalista Eduardo Galeano, un referente da esquerda anti-imperialista e do xornalismo e a literatura comprometida contra as inxustizas. A noticia coincide no tempo coa morte de Gunter Grass, premio Nobel de Literatura. 

Apenas hai dous anos, o escritor Eduardo Galeano (Montevideo, 1940) visitaba por última vez Galiza para presentar o seu libro e retratábase coa camiseta de “Non a mina de Corcoesto”. Era a súa maneira de se presentar no mundo, comprometéndose coas distintas causas nas que a súa voz se erguían contra as inxustizas. 

O autor de Las venas abiertas de América Latina, Mujeres ou El libro de los abrazos, creaba unha obra na que o xornalismo e a literatura dábanse a man ao longo dun conxunto de libros que conseguían petar na conciencia do mundo, obxectivo que perseguía coa súa escrita. 

Na súa última visita a Galiza presentaba Los hijos de los días nos que, entre outras historias, rendía homenaxe a Elisa Sánchez e Marcela Gracia, as dúas mulleres que lograran casar contra todos os impedimentos do seu tempo. Naquela visita, ademais de encher a Cidade da Cultura, sorprendeu as moitas persoas que aprezaban a súa escrita coa presenza na libraría feminista Lila de Lilith. Daquela xornada dera conta Sermos Galiza nunha crónica. 

Galeano comezara a súa traxectoria xornalista nos anos sesenta no semanario Marcha do que era editor e no que compartía páxinas con Vargas Llosa ou Mario Benedetti. O escritor foi encarcerado e padeceu exilio despois do golpe militar de 1973 e a súa obra foi censurada en distintos países latinoamericanos. A triloxía Memoria del fuego nace no seu exilio español, do que retornaría a mediados dos anos oitenta ao seu Montevideo onde, entre outras iniciativas, funda o semanario Brecha. 

O nome de Eduardo Galeano repetiuse nas máis diversas causas, poñendo o seu nome ao servizo da liberdade e a xustiza. 

Comentarios