Morre Aretha Franklin, a derradeira voz do soul clásico

Era, talvez, a derradeira voz da época dourada do soul. Aretha Franklin, intérprete poderosa, irredutíbel, símbolo da emancipación da muller afroamericana, encarnación de himnos rebeldes da altura de Respect ou Young, gifted and black, morreu esta quinta feira aos 76 anos de idade.
 

aretha franklin
photo_camera Aretha Franklin nunha imaxe de inicios dos anos 70. Foto: cedida.

A súa historia é propia das cantantes negras da súa xeración. Nada en Memphis, Tennessee, en 1942, filla dun predicador, iniciouse á música nunha igrexa baptista en Detroit. Esa etapa vital, que rematou en 1960 cando realizou as súas primeiras gravacións seculares para Columbia, ocuparía anos despois un dos seus discos totémicos, o abraiante Amazing Grace (1972).

Atrás quedaban daquela sete anos de éxitos imparábeis, produto dunha voz que desbordaba calquera fórceps e transportaba toda a herdanza musical afroamericana, do gospel ao rhythm and blues, do soul sureño ao blues. Chain of fools, Think, Call me ou I never loved a man (the way I love you) puntuaron as listaxes de r&b dos anos 60.

O corpo central da súa efervescente obra rexistrouno na discográfica Atlantic. Entre o elepé I never loved a man (1967) e Hey now hey (1973) houbo nove discos que forman entre o máis graúdo da impresionante música negra estadounidense daqueles turbulentos anos. Ao tempo que lle prendía fogo a un repertorio propio -Think, por caso- ou alleo -Son of a preacher man, varias versións de The Beatles que compiten coas orixinais- adquiría unha conciencia política máis radical.

É lugar común que Respect, escrita por Otis Redding pero reapropiada para a causa dos movementos civís e o feminismo por Franklin, foi un dos himnos chave das rebelións dos 60. Menos coñecido é que Aretha se chegou a ofrecer para pagar, en 1970, a fianza da dirixente comunista afroamericana Angela Davis. “Tanto ten se son 100.000 dólares ou 250.000”, dixo, “a xente negra debe ser libre. Eu estiven presa por alterar a paz en Detroit, e sei que unha altera a paz cando non ten paz. Estar na cadea é un inferno”.

Ao tempo que o movemento negro perdía enerxía, acosado polas estratexias legais e paralegais e ilegais dos sucesivos gobernos estadounidenses, o soul foise transformando. Deu paso ao funk paranoide de principios dos 70, que logo derivou na música disco, hedonista, e na que a carga política non resultaba tan evidente. As rúas dos guetos rebaixaran a temperatura mobilizadora. Os traballos de Aretha Franklin foron amolecéndose mentres a súa figura ía adquirindo dimensión salvífica. Pero artisticamente esluíuse, fíxose menos relevante.

Con Aretha Franklin, que cantou na toma de posesión do primeiro presidente negro dos Estados Unidos e morreu de cancro de páncreas, vaise a derradeira expoñente dunha época. Se cadra só Stevie Wonder encaixa aínda na categoría e, con todo, a súa áurea social e política non é, nin de lonxe, tan luminosa como a da cantante de See Saw.

Comentarios